EconomíaEconomíaÚltima horaVídeosViticultura

Visita da conselleira do Medio Rural a Bodegas Roandi, en Éntoma (O Barco)

María José Gómez lembrou que segue aberto ata o 27 de abril o prazo de solicitude das axudas á reestruturación e reconversión de viñedo, dotadas cun orzamento de 4 millóns de euros

 

Na mañá deste xoves 9 de abril,  conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitaba as instalacións de Bodegas Roandi en Éntoma, O Barco de Valdeorras, onde salientou o apoio do Goberno galego ao sector vitivinícola con axudas de arredor de 12 millóns de euros anuais.

 

 

En concreto, lembrou que está aberto ata o 27 de abril o prazo de solicitude das axudas á reestruturación e reconversión de viñedo, dotadas na convocatoria deste ano cun orzamento de 4 millóns de euros. A conselleira explicou que con estas achegas “búscase incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo de viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable”.Neste sentido, destacou que desde o 2018, o Goberno galego destinou máis de 20 millóns de euros a estes apoios  para beneficiar a máis de 1.200 viticultores e facilitar que se levasen a cabo actuacións en algo máis de 1.700 hectáreas.

 

 

A maiores, a conselleira reafirmou a aposta decidida do Goberno galego polo viño galego mediante un apoio transversal que se reflicte noutras medidas vinculadas á comercialización, promoción ou respaldo aos consellos reguladores. Así, quixo agradecer o “compromiso e profesionalidade dos viticultores e adegueiros que desenvolven o seu traballo neste eido produtivo”, asegurando que “é imprescindible ter uns viñedos adecuados ás necesidades do momento que vivimos, produtivos e con aquelas variedades que demanda o mercado para así dar saída á produción”, dixo, destacando tamén a importancia de “ter os terreos cultivados, neste caso con vides, que protexen ás nosas aldeas. Por desgraza tivemos que sufrilo e ver o importante que é este cultivo o pasado verán cos incendios”, lembro a conselleira.

 

 

Ademais, Gómez puido comprobar en primeira persoa as melloras enfocadas ao enoturismo levadas a cabo nesta adega, ao abeiro das axudas do programa Leader das que foi beneficiaria. “A aposta por esta sala de catas, abrir a adega aos visitantes, xerar emprego na contorna e en definitiva traballar polos concellos rurais nos que están asentados igual ca eles moitas outras adegas que dan traballo pero tamén xeran sinerxias e vinculan a actividade co turismo que potencia e dinamiza o noso rural”, todas medidas cunha repercusión moi positiva sobre o tecido socioeconómico.

 

 

Seguindo esta liña, destacou que este ano fíxose a maior convocatoria da historia destas achegas en Galicia, con 28,7 millóns de euros a distribuír entre o período 2026-2028. É unha convocatoria trianual, o que supón unha importante vantaxe para os promotores dos proxectos, que poderán desenvolver a súa iniciativa cunha maior marxe temporal.

 

 

Sobre Bodegas Roandi, a conselleira destacou tamén o papel pioneiro desta adega da Denominación de Orixe Valdeorras na produción de espumosos na nosa comunidade, co seu Brinde, e son responsables do primeiro espumoso rosado galego. Ademais, recibiu diferentes recoñecementos, tanto nas catas oficiais de viños de Galicia, que organiza a Consellería, como en prestixiosas guías. Tamén aposta polo enoturismo como medio para diversificar o seu ámbito de negocio, tendo previsto ampliar as hectáreas de viñedo, principalmente con godello pero tamén con outras variedades de uva tinta.

 

 

Na visita, a conselleira estivo acompañada tamén pola deputada delegada especial para Valdeorras, María del Carmen González e polo presidente do C.R.D.O. Valdeorras Marcos Prada, quen destacou o momento doce que están a vivir o godello e os viños valdeorreses en xeral. “Cada vez que saímos a promocionalos, tantos brancos como tintos, están tendo moi boa aceptación e a xente cada vez está máis implicada a pedir os nosos viños”, dixo.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button