A VeigaConcellosÚltima horaVídeos

Visita da conselleira do Medio Rural á Veiga para coñecer os seus centros de posta en valor dos produtos rurais

Neste percorrido coñecía o obradoiro de elaboración de arandos e puxeron en valor o Centro de Extracción e Envasado de Mel

 

Ata A Veiga desprazábase esta tarde a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, onde reafirmaba a aposta da Xunta de Galicia polos produtos de proximidade do agro como factores clave de desenvolvemento e dinamización das economías locais. “A Veiga é un referente en apostar polo medio rural e por desenvolver moitas iniciativas pioneiras en Galicia. Quédome moi sorprendida do ben que se traballa neste concello por apostar e dar valor aos produtores e produtores do rural, para que se asente a xente no territorio, tanto o centro de transformación municipal, que é unha plataforma esencial para os pequenos produtores para que logren o valor engadido ás súas produtores; como este centro multifuncional para traballar tanto no arranxo das pistas como na defensa do monte”.

 

 

Nesta visita a conselleira estaba acompañada polos directores da Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (Agader) e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Martín Alemparte e Paz Rodríguez, respectivamente. Tamén participaba na visita o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o alcalde da Veiga, Juan Anta.

 

 

Con relación aos proxectos que se están a desenvolver na Veiga, o seu alcalde referíase que agora mesmo estase a “intentar acabar a base forestal, que xa está a primeira fase executada e agora só nos quedan os accesos e intentar dotalos dos mellores servizos posibles e o edificio do Centro de Iniciativas Municipais da Veiga (CIMA), para intentar dotalo de máis ferramentas para traballar e que os propios veciños poidan emprender co tema da carne, xa que están a punto de rematarse esas salas de despece e esas cámaras de frío, para poder vender a carne Crianza Trevinca, tamén os derivados, como por exemplo a marmelada de arandos como os froitos frescos. Este ano pretendemos rematar coa instalación para poder comercializar dende aí”. O rexedor tamén agradecía á Xunta e ao Ministerio “o seu esforzo orzamentario para instalacións deste tamaño que para A Veiga son un paso adiante”.

 

 

Neste percorrido pola Veiga, as autoridades visitaban o obradoiro de elaboración de arandos e puxeron en valor o Centro de Extracción e Envasado de Mel deste concello, único local de Galicia destas características de uso comunitario que é empregado por unha vintena de produtores adheridos ao programa montañas de Trevinca. Nesta localidade, ademais, elabórase mel amparado pola Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. A visita tamén serviu para coñecer, por parte dos responsables da Xunta, o centro de desenvolvemento rural A Veiga, un espazo activo de comercialización e formación para produtores locais.

Neste acto, a conselleira lembrou ademais que A Veiga conta cunha aldea modelo, a de Meixide, que abrangue unha superficie de preto de 77 hectáreas e que integra máis de 640 parcelas de 150 propietarios nunha zona caracterizada polo pastoreo, as terras de labor de secano e asociación entre coníferas e frondosas.

 

 

Así mesmo, María José Gómez destacou a colaboración entre o seu departamento e o Concello da Veiga en materia forestal, tanto no que atinxe á posta en valor dos seus recursos como no eido da defensa do monte, en particular no terreo da prevención e loita contra os incendios forestais.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button