PolíticaÚltima horaVídeos

Visita de Gómez Besteiro (PSdeG-PSOE) a Valdeorras para “emendar en positivo os orzamentos da Xunta”

O voceiro do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia reuníase esta mañá con alcaldes, concelleiros e outros representantes do partido a nivel provincial e galego no Barco

 

Ata Valdeorras desprazábase esta mañá o voceiro do grupo socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, onde mantiña unha xuntanza con alcaldes, concelleiros e outros representantes do partido a nivel provincial e galego. Despois da reunión, que se desenvolvía no despacho da alcaldía do Concello do Barco, Gómez Besteiro explicaba que se abordaban “as cuestións máis locais sobre os orzamentos da Xunta, que nós imos emendar en positivo para esta comarca e loitando contra os principais déficits que presentan eses orzamentos. Un, por exemplo, a rede viaria, esa rede viaria fundamentalmente que conecta A Rúa coa Gudiña, que une esa parte de Ourense coa alta velocidade, que necesita sobre todo, entre Viana e A Gudiña, un exercicio de ampliación e, sobre todo, de reafirmado moi necesario”.

 

 

En materia de servizos Besteiro aseguraba que avogan “claramente por apostar por aqueles que consorciaron o abastecemento de augas, e que merecen unha aportación maior, precisamente por ese esforzo mancomunado neste servizo. Ten un mínimo de 50.000 euros, eu creo que necesita un investimento moito máis importante porque non permite esa cantidade facer ningún tipo de avance e de mellora no propio servizo”.

 

 

E citaba tamén “apostas tradicionais e históricas, como é a da residencia da terceira idade de Petín, que leva un recurso cero nos próximos orzamentos. En xeral, toda o financiamento local, como é a aposta por ampliar os polígonos industriais, en concreto aquí no Barco, levan partidas nulas, non teñen unha previsión para reforzar eses servizos industriais. Polo tanto, necesita ese orzamento unha mellora e necesita unha posta de atención e a punto para esta comarca. E é o que imos a propoñer, cunhas emendas que van a pivotar moito sobre o financiamento local, é dicir, máis cartos para os concellos que son os que teñen que atender esas necesidades básicas de toda a veciñanza, nós non queremos que quede esquecida esta comarca nos orzamentos da Xunta, senón que teña un protagonismo real e necesario, como o defendemos para os orzamentos tamén do Estado”.

 

 

En materia de sanidade, Besteiro referíase unicamente á Comisión de Investigación do Parlamento de Galicia destinada a esclarecer o sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, os contratos en pandemia e as contratacións. “A primeira proposta que está sobre a mesa é, única e exclusivamente, a que propón o Partido Popular para esta comisión. A busca da verdade non admite ningún tipo de condicións nin de vetos. Nós non vetamos ningún nome para que participe nesta comisión, así que cal é o problema”, manifestaba o voceiro do partido socialista no Parlamento de Galicia. O líder socialista subliñou que a responsabilidade dos partidos é permitir que todos os implicados declaren sen restricións, en beneficio da transparencia e a rendición de contas que esixe a cidadanía galega.

Despois de pasar polo Barco, Gómez Besteiro trasladábase a Vilamartín de Valdeorras, onde participaba nun magosto da Asociación Asfaval e, deseguido, desprazábase ata Petín.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button