EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

Visita do subdelegado do Goberno en Ourense a Maderas Núñez de Rubiá, que vén de recibir unha axuda do Kit Consulting

 

Ata Maderas Núñez, empresa situada no polígono industrial de Rubiá, desprazábase esta mañá o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos. Esta empresa vén de recibir a semana pasada unha “subvención do Ministerio de Transformación Dixital dentro do programa Kit Consulting”, tal e como indicaba Santos, explicando ademais e este é “un programa de 270 millóns de euros para pequenas e medianas empresas (Pemes), entre 10 e 250 traballadores, que lles permite a súa transformación dixital, tamén optimizar o seu control de vendas, control de provedores e control de xestión. É dicir son diferentes modalidades, para que as empresas teñan maior garantía, eficacia e produtividade, ademais dalle un asesoramento para levar adiante todos estes procesos, levado a cabo ademais por asesores dixitais que entran dentro do programa”.

 

 

Acompañado polos responsables da empresa, Manuel Núñez e Raquel Méndez, así como polo seu fillo Manuel, o subdelegado do Goberno coñecía os diferentes procesos, basicamente automatizados, que se desenvolven desta empresa, empezando polas súas liñas de serrado, pasando tamén polo almacén de laminado e polo secadeiro térmico, onde a madeira destinada á exportación chega aos 56 graos co fin de eliminar calquera tipo de fungos e evitar a transmisión de pragas.

 

 

“Esta empresa está sempre moi activa á hora de estar atenta a todas as subvencións e programas dos ministerios e ten varias axudas nos últimos anos para adquisición de material, optimización, instalación de paneis solares, pero como continúa nesta traxectoria, con este kit consulting”, sinalaba Eladio Santos, lembrando así mesmo que continúa aberto o prazo para que as empresas poidan solicitar esta liña de axudas. “Son en Galicia nestes momentos 553 as Pemes que están desfrutando desta aportación do ministerio e ata o 28 de febreiro, todas as empresas a partir de 10 traballadores, teñen aberto o prazo para que o soliciten simplemente por data de entrada, non é nin sequera de concorrencia competitiva. Cada empresa que o solicite pode acadar en torno a 12.000 euros ou 24.000 euros, dependendo do seu tamaño, sen gasto nin aportación, e mellora tanto a xestión da empresa como o coñecemento e a transmisión do manexo dos programas de xestión e de optimización dos recursos”.

 

 

No caso de Maderas Núñez a axuda do Kit Consulting vaise aplicar “nunhas liñas que xa veñen establecidas polo ministerio e que son sete. Nós o que pretendemos é aplicalas a ciberseguridade, a análise de datos, e procesos de xestión que poidan mellorar o que é o resultado da empresa e de produción tamén”, explica Pedro Corzo, administrativo desta empresa valdeorresa.

 

 

Esta era ademais a primeira visita que o subdelegado do Goberno en Ourense realiza a unha empresa do sector da madeira e amosábase “impresionado porque hai un volume de traballo e de mercadoría enorme, unhas maquinarias espectaculares, ademais está todo moi automatizado, a xestión da maquinaria é moi moderna e, por outra banda, a seguridade está garantida. Ademais, polo que me din os seus xerentes, subministran madeira de todo tipo, e como exemplo unhas pequenas calzas que van á construción de oleodutos e gaseodutos en Arabia Saudi, é dicir, teñen unha carteira de clientes moi potentes e a empresa vai seguir medrando”, destacaba Eladio Santos.

 

 

Esta empresa, fundada por Manuel Núñez en 1992, vai xa pola terceira xeración, tras incorporación hai dous anos do fillo de Raquel e Manuel, tamén Manuel de nome, de 22 anos e que se formaban en Administración de empresas e Marketing.

Nestes momentos Maderas Núñez xera 17 postos de traballo e a súa produción “vai basicamente para España, pero despois reenvíase para diferentes clientes e sabemos que pode acabar en países como Arabia Saudí, México ou Gran Bretaña”, engade o seu xerente. A facturación anual de Maderas Núñez é de 3,5 millóns de euros ao ano.

Fotos e vídeos: O SIL.

Back to top button