Na mañá deste mércores 10 de setembro, dúas horas antes da saída da 17 etapa da Volta ciclista a España 2025 no Barco de Valdeorras, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, supervisaba a mostra de funcionalidades e capacidades da Unidade de Mobilidade e Seguridade Viaria da Garda Civil, así como o dispositivo despregado co reforzo da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Local, ubicada ao longo do paseo do Malecón. Alí destacaba que o obxectivo deste reforzo policial é “garantir a seguridade do evento, dos ciclistas, dos equipos, do público e de todos os participantes na proba”, polo que agradeceu o esforzo das Forzas e Corpos de Seguridade.
Na visita estivo acompañado polo alcalde do Barco, Aurentino Alonso e polo presidente da Deputación Luis Menor. Os tres destacaron o fito histórico desta proba na comarca Valdeorras, chamando á tranquilidade e respecto ante os incidentes acontecidos en etapas anteriores e ás manifestacións tamén previstas para hoxe, polas protestas propalestinas e o tema dos incendios en Ourense e moi especialmente na comarca.
Tamén participaba na exhibición o comisario provincial xefe da Policía Nacional de Ourense, Juan Cástor Vázquez; o comandante xefe accidental da Comandancia da Garda Civil de Ourense, José Benito Fernández Santamarina; o comandante xefe da Unidade Móbil de Seguridad Viaria, Gerardo Suárez Gorris; o xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, Javier Barja, e o xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David Llorente.



Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.