SanidadeÚltima hora

Voluntarias de Afundación entregan almofadas de lactación e visitan a colección Quessada cunha guía de excepción

O Servizo de Humanización sorprendeu as voluntarias cunha guía de excepción á colección presente no hospital: Chus Blanco, nai de Quesada Blanco e viuva de Xaime Quessada

 

Voluntarias do Espazo +60 de Afundación de Ourense entregaron hoxe no Hospital Universitario de Ourense un lote de almofadas de lactación, elaboradas artesanalmente nos seus obradoiros solidarios, para ser empregadas polas nais ingresadas nas unidades de Obstetricia, de Coidados Intensivos Pediátricos e Prematuros, co obxectivo de facilitar a lactación materna, á vez que se favorece o descanso de nais e bebés.

No marco desta visita, o Servizo de Humanización as sorprendeu organizando, conxuntamente coa Fundación Xaime Quesada Blanco, un percorrido guiado pola colección pictórica instalada no novo edificio de hospitalización, que tivo dúas guías de excepción: a viuva de Xaime Quessada e nai de Quesada Blanco, Chus Blanco e a xerente da fundación, Paula Serrano.

Unha iniciativa de colaboración entre institucións sociais, culturais e sanitarias, para construír contornas máis humanas e solidarias, nas que o coidado se entende dun xeito integral, conxugando o físico e emocional co poder da arte.

 

 

Almofadas para acoller e apoiar

Os obradoiros do Espazo +60 de Afundación Ourense, é unha iniciativa que promove o envellecemento activo e a participación social das persoas maiores de 60 anos, e as súas voluntarias participan moi activamente en diferentes iniciativas en prol dos pacientes, respondendo positivamente a calquera proposta formulada desde o Servizo de Humanización.

A súa responsable, Belén Piñeiro, destacou o seu compromiso entusiasta ”sempre estades aí ao noso carón, xa sexa cosendo para facer os coxíns que reciben as nosas pacientes operadas de mama, como agora para facer máis doce ainda o colo das nais, destinando fondos as asociacións de pacientes coa venda das vosas obras… e seguiremos crecendo xuntas, cos proxectos que temos previstos…” agradeceu, para tras elo entregarlles un diploma que recoñece a súa colaboración solidaria.

Como explicou a supervisora de enfermería da UCI pediátrica e prematuros, Teba Castro “este tipo de almofadas facilitan unha postura máis ergonómica durante a lactación, reduce a sobrecarga en costas, brazos e pescozo e favorece tamén o descanso materno, especialmente necesario nos primeiros días.

 

 

Hospital e galería pictórica

No marco da visita das voluntarias, o Servizo de Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras as sorprendeu cun percorrido guiado pola colección artística dos Quessada instalada no edificio de hospitalización. Máis de 25 obras pictóricas de Xaime Quessada e do seu fillo Quesada Blanco, que iluminan desde a apertura do novo edificio as plantas e a entrada principal.

A obra esta en depósito de xeito altruista por parte da Fundación Xaime Quesada Blanco, co obxectivo de contribuír á humanización dos espazos asistenciais, facendo da arte un elemento integrador na experiencia hospitalaria.

A obra de Quessada pai, referente da plástica galega contemporánea, con proxección internacional, caracterízase pola súa versatilidade estilística, transitando entre o figurativismo, o expresionismo e a abstracción. Pola súa banda, Quesada Blanco desenvolve unha liña creativa propia que dialoga coa tradición artística familiar desde unha perspectiva máis conceptual.

Durante o percorrido, Chus Blanco aportou o seu fondo coñecemendo da obra de ambos, compartindo detalles sobre o seu proceso creativo, a súa traxectoria profesional e o significado das obras expostas no hospital, que forman parte das distintas etapas da extensa carreira de Quessada e da breve e intensa do seu fillo, cuxa morte motivou a creación da Fundación, que agora mantén vivo o legado dos dous artistas.

 

Back to top button