ConcellosO BarcoÚltima hora

Voluntarias valdeorresas realizan reparto de auga e alimento para a fauna salvaxe no Barco

 

Continúan as iniciativas solidarias para tratar de paliar, na medida do posible, as múltiples consecuencias dos graves incendios forestais en Valdeorras, neste caso poñendo o foco na fauna salvaxe dos montes do Barco.

Esta mañá un par de voluntarias valdeorresas, Ana e Feli, comezaban, por iniciativa propia, a deixar alimento e bebida para os animais que nestes momentos non teñen onde atopala debido aos lumes. “Sabíamos que o Concello de Vilamartín lanzou unha mensaxe neste sentido e onte había xa xente facéndoo, e que incluso onte viñeron persoas de Monforte e de Ourense, e nós decidimos dar este paso, tendo en conta que Feli tiña moita froita na horta, por exemplo, mazás no solo que non se ían consumir”, explica Ana.

Esta mañá as dúas enchían o maleteiro do coche con garrafas de auga e coa froita, picada, e” fixemos o camiño subindo cara Cesures, paramos ao lado da estrada mesmo, que non hai que adentrarse no monte sequera, e comezamos a deixalo”. E recomendan colocar a comida en filas sempre, e en montóns pequenso, para facilitar que, se van varios animais, todos poidan comer.

 

 

Este foi o seu primeiro día, pero a intención é continuar mañá, de feito, xa se están organizando a través de grupos de whatsapp para que poida sumarse máis xente. “Nós imos, limpámoslles a horta a quen se ofreza e enchemos os cestos con restos de froita que seguramente ía acabar no lixo, non teñen que facer nada. Hoxe somos dúas, durounos todo o maleteiro cheo dúas horas e media, que non é traballo, non cansa e isto como ensinanza para os nenos é xenial que aínda están de vacacións, isto pódeo facer calquera sen custo e, ademais, sementas conciencia. É un pequeno xesto pero pode axudar. Hai tanto que abarcar, que podemos crear grupos paralelos”, destaca Ana.

Ademais dos produtos de horta, tamén están buscando garrafas de auga de 5 litros, para depositar a auga na que os animais poidan beber. ” Isto é traballo de hoxe para mañá, para pasado, porque os animais comen todos os días, mentres poidamos”, conclúe, animando á xente a que colabore. “Sabemos que noutros municipios da comarca tamén se vai facer”.

Fotos cedidas.

 

 

Back to top button