
Por terceiro ano consecutivo, coa chegada do verán e de novo da man de Adrián Ramos, Óscar Durán, Juan Blanco e Rubén Rodríguez chega o Torneo Futsal Vila do Barco que se celebrará do venres 3 ao domingo 5 de xullo, no Pavillón Municipal de Calabagueiros.
Mantendo o formato do ano pasado, a III edición do campionato comezará o venres pola tarde con partidos de base (benxamín, alevín e infantil) entre equipos da contorna de 16 a 20h. momento no que comezará o maratón sénior, contando con Dj Motto para animar a noite como unha das novidades. O sábado de 8 da mañá ata a madrugada serán os partidos e o domingo haberá un cuadrangular feminino (semifinal e final) entre os que estarán o Rúa Valdeorras FSF, o Cidade de As Burgas e un combinado de xogadoras de Ourense coa barquense Vera Rodríguez á cabeza.

Con respecto ao premios, haberá para os catro primeiros clasificados, cambiando a contía con respecto ao ano pasado (2.000 puntos para o 1º; 600 puntos para o 2º e 150 puntos para o 3º e 4º) e tamén trofeo para o mellor xogador e o mellor porteiro. Para o mini torneo feminino, teñen 160 puntos para as primeiras e 80 para as segundas, ademais de trofeo tamén para a mellor xogadora e a mellor porteira.
Dende a organización avanzan que a inscrición estará aberta ata o 28 de xuño (150 puntos), esperando superar os 18 equipos do ano pasado. Durante o torneo terán á venda camisetas conmemorativas en dúas cores: carde e branco.

Máis información na edición en papel de O SIL Deportivo.