“Co tempo frío é necesario buscar dalgunha maneira a calor e se é humano, mellor”, aseguran dende AMAVA que na noite do venres 21 de novembro regresaban coas jam session ao Esconditte Inglés, na Rúa onde tiñan unha nova concentración musical para festexar a Santa Cecilia, patroa dos músicos. “Foi unha noite indeleble, cun numeroso público entregado onde puidemos desenvolver en directo o que levabamos traballando no local de ensaio durante meses”.
Subíronse por primeira vez ao escenario novas promesas da música valdeorresa como Tatiana, “unha voz que dará moito que falar xa que con tan só 14 anos ten unha gran cultura musical, podendo interpretar tanto clásicos do rock en español como internacional da talla de Nirvana”, aseguran dende a Asociación de Música Alternativa de Valdeorras.

A jam contou tamén con novos e moi dignos instrumentistas, como “Luis un baixista que apunta moi boas maneiras, Sergio á batería e Emma á guitarra con tan só 13 anos, que se atreveron a tocar con músicos veteranos da asociación e aseguro que só se notaba a mocidade no entusiasmo non na calidade musical”.

Onte contaban tamén con Sory, recanteira berciana en Luar que fixo as delicias con Highway to Hell de ACDC acompañada por estes novos talentos, algo moi afastado dos rexistros que actualmente manexa e que desenvolveu con impresionante mestría. Como noutras ocasións estivo Carol, Andara e María “grandes voces da zona que non dubidaron en lanzarse ao rodo nesta especial data”.
Na parte musical contouse con músicos do Patio de Leni, Seika, Mrs. Fine e a maxistral colaboración á batería do reputado Toño que fixo vibrar a todos os presentes co seu ritmo. “Unha noite para o recordo grazas a Santi e Vero que seguen apostando pola música valdeorresa e ceden o seu local para o desenvolvemento destas actividades de AMAVA, que está a pechar os seu 15 aniversarios co sorteo dunha magnífica guitarra que esperamos quede en boas mans e sirva para sumar outro afeccionado que sexa feliz expresando onde non chegan as palabras… con música”, conclúen.

Fotos e vídeos cedidos.