En portadaÚltima hora

X Xornada de Convivencia de agrupacións de voluntarios de Protección Civil, en Baños de Molgas

Contábase coa participación de máis de 350 participantes procedentes de 54 agrupacións de toda Galicia

 

O Santuario da nosa Señora dos Milagres, en Baños de Molgas, acollía este sábado 27 de xuño a X Xornada de Convivencia de agrupacións de voluntarios de Protección Civil, coa participación de máis de 350 participantes procedentes de 54 agrupacións de toda Galicia.

Esta xuntanza, que se consolida como un espazo de encontro, intercambio de experiencias e mellora da coordinación de emerxencias contaba coa presenza de autoridades como o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o alcalde de Baños de Molgas, Manuel Fernández Movilla; o presidente das AVPC da provincia de Ourense, Clemente Pérez; e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, entre outras, así como con representantes das Forzas e Corpos de Seguridade.

Para o director xeral, as agrupacións de voluntarios de Protección Civil son exemplo constante de solidariedade, ao dedicar de maneira desinteresada o seu tempo á protección e coidado da veciñanza e da contorna na que actúan. Segundo indicou, este labor merece ser recoñecido e apoiado tanto polas administracións como polo conxunto da cidadanía. Nesta liña, sinalou o compromiso da Xunta con estes colectivos, como piares fundamentais na prevención de riscos e na seguridade cidadá, a través de diferentes medidas de apoio, que inclúen dotación económica, equipamento e formación, ademais do recoñecemento específico coa concesión das Medallas o Mérito de Protección Civil de Galicia.

Na súa intervención Luis Menor reivindicou o voluntariado de Protección Civil como o mellor reflexo do espírito solidario da veciñanza ourensá poñendo en valor que a provincia de Ourense sitúase á cabeza do voluntariado en Galicia, igualando en número de agrupacións (75) a unha provincia tan poboada como A Coruña e agradeceu o “labor impagable” dos 1.231 voluntarios ourensáns que demostran a cara “máis xenerosa” dun territorio rural e disperso.

Esta implicación adquire un valor engadido se se ten en conta a particularidade demográfica e xeográfica ourensá, marcada por un territorio extenso, profundamente disperso e cunha poboación envellecida que vive en núcleos rurais illados. “Onde hai unha necesidade no noso rural, alí nace unha agrupación de homes e mulleres dispostos a dar un paso adiante a prol da seguridade do territorio”.

Menor aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo que realizan as 237 Agrupacións de Protección Civil en Galicia con preto de 4.500 voluntarios que son os primeiros en chegar e os que mellor coñecen cada camiño e cada veciño, actuando como un apoio indispensable para os corpos profesionais ante situacións meteorolóxicas adversas ou na organización de eventos. Ademais da súa eficacia técnica, incidiu na súa “proximidade humana” ofrecendo seguridade e acompañamento en situacións nas que as persoas o precisan.

Por todo elo, o presidente da Deputación de Ourense reafirmou o seu compromiso de seguir investindo en recursos, formación e loxística para as agrupacións de Protección Civil.

Fotos cedidas.

 

 

 

Back to top button