EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Xa están á venda as entradas para a II Ruta das Airas que se celebrará o 18 de xullo en Córgomo (Vilamartín)

Unhas 800 persoas asistían á I edición./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras a gran acollida da primeira edición, a Ruta das Airas regresará o próximo 18 de xullo ás rúas e airas de Córgomo cunha proposta que combina gastronomía, viño, música e tradición nun dos enclaves con máis encanto de Valdeorras.

As entradas teñen un prezo anticipado de 15 euros e poderán adquirirse ata o 17 de xullo en calquera dos puntos de venda autorizados, negocios aos que a organización agradece a súa que “permite achegar a venda de entradas a diferentes puntos da comarca e facilitan o acceso ao evento aos asistentes”.

* Adega Santa Marta (Córgomo)
* Bed’s (O Barco)
* Librería Yoli (O Barco)
* Autoescuela Valdeorras (O Barco)
* Bar Stop (A Rúa)

No caso de que quedasen entradas dispoñibles, estas poñeranse á venda o mesmo día do evento en taquilla por 18 euros. “Co obxectivo de simplificar a xestión da venda nos distintos establecementos colaboradores, as entradas adquiridas nos puntos físicos deberán abonarse en efectivo. Esta medida permite ofrecer o servizo en varios puntos da comarca e garantir unha atención áxil e cómoda tanto para os colaboradores como para os asistentes”, explican dende a organización.

A II Ruta das Airas ofrecerá un percorrido por diferentes espazos tradicionais de Córgomo, onde os participantes poderán degustar unha variada selección de petiscos e viños da D.O. Valdeorras, ademais de gozar de música en directo e dun ambiente pensado para compartir, descubrir e celebrar a identidade da nosa terra.

Desde a organización animan a veciños, visitantes e amantes do viño e da gastronomía a “non deixar a compra da súa entrada para o último momento”. O aforo é limitado e espérase unha importante afluencia de público nun evento que busca consolidarse como unha das citas destacadas do verán en Valdeorras.

A II Ruta das Airas conta co apoio de Turismo de Galicia e Xacobeo 2027, apostando pola posta en valor do patrimonio, a gastronomía e a cultura vitivinícola de Valdeorras.

Máis información: rutadasairas@gmail.com

Back to top button