
O SilFest Valdeorras desvela o seu cartel por días e pon á venda as entradas diarias para o seu décimo aniversario. O festival, que se celebrará a beiras do río Sil nunha contorna natural única e sen aglomeracións, confirma así a repartición definitiva de concertos e actividades dunha edición especialmente pensada para desfrutar con calma, música e propostas para todas as xeracións.
A programación arrincará o xoves 2 de xullo con acceso gratuíto e unha noite protagonizada pola Gloria na praza José Otero, seguida da festa post concerto con Txetxu DJ. O venres 3 de xullo chegará unha das citas máis salientables para os amantes do indie, coas actuacións de Mazu, Zabriskie, Begut, A Paloma e Bum Motion Club, alén de Hawkins Djs para pechar a noite. Durante o día, o público poderá desfrutar tamén de actividades paralelas, catas e propostas vinculadas ao Espazo Vibra Mahou.
O sábado 4 de xullo combinará algunhas das actuacións máis esperadas do cartel cunha ampla programación cultural e familiar. Adrian Timms protagonizará o concerto Vibra Mahou de mediodía, mentres que Os Parrandas poñerán o toque máis festivo e tradicional da xornada. Xa pola noite chegarán Sr. Jingles, Hinds, Morgan, L.A., Puño Dragón e DJ90 no Escenario Xacobeo. Ademais, o festival volverá encher o recinto de actividades como rutas en kaiak, catas, talleres e espazos de lecer pensados para desfrutar do festival máis aló dos concertos.

O MiniSilFest terá tamén programación propia durante toda a fin de semana, reforzando o carácter familiar e interxeracional do evento. Henriko e Paco Nogueiras encabezan unha proposta que inclúe obradoiros, xogos tradicionais, cine ao aire libre, circuítos polo backstage, actividades acuáticas e experiencias participativas para os máis pequenos.
As entradas diarias xa están dispoñibles xunto aos abonos xerais para un festival que, dez anos despois, mantén intacta a súa esencia: desfrutar da música a outro ritmo, en comunidade e nun das contornas máis especiais de Galicia.
