Chandrexa de QueixaConcellosEn portadaManzanedaSan Xoán de RíoTrivesÚltima hora

Xestión ambiental, encoros, turismo ou demografía, eixos do programa do Macizo Central como Capital da Montaña de España

As actividades, que se desenvolverán ao longo do ano nos concellos de Chandrexa, Manzaneda Trives e Río; incluirán xornadas de diversas temáticas e un congreso

 

O Macizo Central Ourensán, conformado polos municipios de Chandrexa de Queixa, a Pobra de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río, ostenta neste 2024 a distinción de Capital da Montaña de España. Así o destacaban esta mañá na Deputación Provincial de Ourense os seus respectivos alcaldes (Francisco Rodríguez, Patricia Domínguez, Amable Fernández e Xosé Miguel Pérez), xunto ao deputado provincial e presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

Esta distinción supón que os catro municipios convértense por méritos propios, “no referente das principais liñas de traballo da asociación EsMontañas, que é, precisamente, a de desenvolver proxectos, estudos e políticas para mellorar a vida e a economía nos territorios de montaña”, sinalaba Rosendo Fernández, recalcando a importancia da visibilidade que crecerá en Chandrexa, Trives, Manzaneda e Río, posicionándose no campo turístico e poñendo en valor os seus recursos naturais, culturais e ambientais. A súa identidade, en definitiva”.

Por este motivo, durante todo este ano 2024, Chandrexa, Trives, Manzaneda e Río albergarán toda unha serie de eventos que servirán para expor, a nivel rexional e nacional, análise, debates e reflexións de profundo calado da realidade socioeconómica á que se enfrontan os territorios de montaña no seu día a día.

 

 

Programación das xornadas

A primeira xornada será o próximo 18 de abril en Chandrexa de Queixa, na que tamén se falará de encoros, coa participación de Femembalses. Tal e como sinalou o seu alcalde, Francisco Rodríguez, “para o noso concello, enmarcado no Macizo Central e na Ribeira Sacra, é toda unha honra inaugurar estas xornadas e por iso convidamos a que veñan coñecer a nosa terra e a nosa gastronomía de montaña”.

A seguinte, será en xuño en Manzaneda e versará sobre xestión ambiental e casos de éxitos de emprendemento. Tal e como explicou o seu alcalde, Amable Fernández, a Capitalidade de Montaña 2024, “é para nós unha gran satisfacción e unha oportunidade para dar a coñecer o noso territorio. Ademais, todos os actos e charlas programadas son moi enriquecedoras e de proveito para os nosos municipios”.

No mes de setembro tocaralle a Pobra de Trives co 8º Congreso de EsMontañas, abordando, entre outros moitos, temas lexislativos, turísticos, demográficos e de políticas europeas. A súa alcaldesa, Patricia Domínguez, recalcou que “o importante é poñer o foco nos territorios, que nos sirva para dar impulso en toda España. O gran interese é que este recoñecemento repercuta nos nosos municipios e sexa de utilidade, como é a repercusión positiva para todos”.

Os actos da Capitalidade do Macizo Central concluirán o 15 de novembro en San Xoán de Río, coa importancia dos mozos e as mulleres para o desenvolvemento do rural. O seu alcalde, Xosé Miguel Pérez, proclamou que “seremos o altofalante de todos os pobos de Montaña de España e anunciámolo nunha semana histórica, con este importante logro e co anuncio da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO. Será un impulso para traballar todos xuntos, temos a capacidade para loitar como é no caso do reto demográfico, o noso maior problema hoxe en día”.

Recoñecemento por unanimidade

Este recoñecemento da Capitalidade da Montaña de España 2024 foi acordado por unanimidade pola Comisión Executiva da Asociación EsMontañas. Este colectivo, sen ánimo de lucro, naceu hai 11 anos a iniciativa dun grupo de alcaldes e senadores das zonas de montaña, co fin de reivindicar as súas necesidades e promover as melloras lexislativas e accións que contribúan a mellorar a calidade de vida dos seus habitantes, frear o despoboamento e xerar desenvolvemento económico e social nestes territorios.

A cooperación da Deputación de Ourense é activa e firme con todo o que conleva a Capitalidade de Montaña de España 2024 debido ao impacto positivo que supoñerá para o territorio, tanto na proxección de todo canto ofrecen os municipios do Macizo Central, como polas actividades divulgativas e de análises en profundidade que se desenvolverán durante este ano.

Artigos relacionados

Back to top button