
Intensa actividade neste outono para Gargallada Teatro. Esta compañía valdeorresa de teatro amador ten confirmadas, polo de agora, un total de 4 funcións en outubro e 1 en novembro. E, ademais, son de obras diferentes. Así, o seu circuíto de actuacións comezará o domingo 4 de outubro na XIX Mostra de Teatro “Terras do Orcellón” do Carballiño coa obra “Alimañas”. Esta comedia conta a historia de Mara, unha vella estrela de cine que vive retirada na súa mansión xunto co seu marido e o director e a guionista das películas que lle deron tanta fama. Esa convivencia cambia por completo cando Mara toma a decisión de vender o inmoble.
A ruta de Gargallada Teatro continuará o sábado 10 en Valadares (Vigo) con “García, un cadáver informal” dentro dos circuítos da FEGATEA. Esta é a última peza teatral da compañía, que se estreaba a primeiros do pasado mes de xuño no Teatro Lauro Olmo do Barco.
Trátase dunha recreación da obra homónima de Enrique Jardiel Poncela dirixida por Manuel Caramés. A trama comeza cun brinde de namorados que celebran o seu inminente enlace no salón. Nese intre, un infeliz señor García entra e suicídase no diván. Ante este inesperado feito, os noivos chaman ás autoridades e, a partir de aí, xérase unha serie de situacións absurdas, cunha revirada deriva que dá lugar a unha comedia áxil cun sorprendente final.
Ademais, o sabado 17 de outubro, Gargallada ten previsto representar de novo “Alimañas” no marco do XXVI Certamen Nacional de Teatro Aficionado Ciudad de Benavente. E o sábado 31 levará “García, un cadáver informal” ata Barreiros (Lugo) dentro dos circuitos da FEGATEA e a compañía concluirá o calendario programado para este outono con “García” o sábado 7 de novembro en Verín no VII Festival Interculturas.