ConcellosÚltima hora

XIX Semana da Natureza do 23 ao 30 de abril no Barco

O programa estará adicado á separación de residuos e inclúe actividades para realizar nos colexios, sesións de contacontos, cinema e monicreques
Presentación do programa da Semana da Natureza.
Presentación do programa da Semana da Natureza.

Por un mundo mellor cada cousa no seu contedor. Ese é o lema da XIX edición da Semana da Natureza que o Concello do Barco presentaba na mañá do 8 de abril. “Do que se trata, igual que nas anteriores edicións é de concienciar aos pequenos de que traballen polo medio no que vivimos e que o defendan de cara ao futuro” explicaba o concelleiro de Medio Ambiente, Sanidade e Educación Aurentino Alonso, engadindo que este ano seguirán a liña marcada pola campaña “Se separas, aforras” que están levando a cabo dende o Concello. “Tratase de que os nenos, tanto nas súas casas como nos centros, transmitan o que vai a cada contedor, como se debe tratar o lixo, e como xerar a menor cantidade posible”.

Para conseguilo, dende o departamento que dirixe Alonso, prepararon un completo programa que se desenvolverá do 23 ao 30 de abril dividido en dous apartados. Por unha banda están as accións que se realizarán nos propios centros educativos, para o cal entregarán unha serie de carpetas ao titor de cada curso, nas que se incluirá documentación sobre diferentes actividades para que o profesorado poda traballar en clase: presentación de Cuber, a papeleira feliz, o envase churrusqueiro, demasiado lixo, etc.

O outro apartado abrangue as actividades que se levarán a cabo fóra do centro, máis concretamente no Teatro Lauro Olmo. Aberto ao público en xeral será a proxección dun documental, “gustounos moito “100% hecho de basura”, a ver se podemos traelo” di o concelleiro. Con respecto ás actividades para os pequenos, o xoves 24 pola mañá haberá unha actuación dos monicreques do Barco Ris Ras Plas; o luns 28 unha sesión de contacontos a cargo da actriz galega Carla Capeáns que presentará “A viaxe de Purpurina, unha pinga de auga”; e xa por último o martes 29 e o mércores 30, tamén en horario de mañá, haberá proxeccións da película “Wall-e”.

A XIX Semana da Natureza inclúe asemade os concursos de redacción, debuxo, fotografía e video, introducindo este ano a elaboración de obxectos con material reciclado. “Hai tempo xa se fixera un de xoguetes que funcionara moi ben” asegurou Alonso na presentación, adiantando que ademais dos premios correspondentes a cada concurso, o premio grande desta edición será a visita a Sogama para que os nenos vexan que é o que pasa en Galicia co lixo e que levarán a cabo na última semana de curso.

Foto: Mónica G. Bellver

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button