
A Praza García Barbón acollerá este sábado 28 de xuño, ás 12:00 da mañá, unha cita moi especial para o público familiar coa actuación de Xoán Curiel e A Banda do Verán, que presentan en Verín o seu espectáculo en formato a trío baseado no disco-libro Estamos no verán!!!, editado por Edicións Galaxia.
Este traballo conta as aventuras duns rapaces que, durante as vacacións estivais, atopan unha forma moi creativa de aproveitar o tempo: formando un grupo musical. O resultado é un espectáculo dinámico e participativo, no que a música en directo, a danza e o teatro conviven en perfecta harmonía.
O show, pensado para público infantil e xuvenil, destaca pola súa capacidade de implicar a quen o presencia, ofrecendo unha experiencia única e divertida para toda a familia. Cunha posta en escena vibrante, Xoán Curiel e A Banda do Verán interpretan cancións cheas de ritmo e sentimento a través da voz, guitarra, ukelele, percusión e cunha bailarina que dá vida ás historias a través do movemento.
A proposta supón unha viaxe musical que percorre o verán dende que soa o último timbre do colexio en xuño ata o primeiro de setembro, combinando entretemento e calidade artística da man de artistas con ampla traxectoria no ámbito da música e das artes escénicas para a cativada.
A actividade será de acceso libre e gratuíto. Unha nova oportunidade para gozar da cultura ao aire libre na nosa vila.