CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Xornada arredor da cultura da máscara, o 28 de marzo no Museo do Pobo Galego en Santiago

Incluirá dous relatorios, un deles de Elena Freire e Marta Veiga (USC) e o outro de Pilar Panero (Universidad de Valladolid e proxecto MASKS). Ademais haberá un recital de Luis Antonio Pedraza

Este sábado, 28 de marzo, terá lugar na Ala sur do Museo do Pobo Galego a xornada “Máscaras: creación e diálogo, arredor da cultura da máscara”. Trátase dun encontro para repensar a cultura popular desde o presente: tradición, identidade e cambio nun mesmo espazo.

“A cultura popular xa non pode entenderse como algo fixo nin pechado. Hoxe é un territorio dinámico onde tradición, modernidade e cultura de masas conviven e dialogan. Neste contexto, a máscara emerxe como un espazo de creación e reflexión, capaz de reinterpretar as herdanzas culturais e darlle novos significados”, aseguran dende o Museo do Pobo Galego, indicando ademais que “no século XXI, a máscara funciona tamén como ferramenta para abordar cuestións sociais, como o xénero, e para construír formas de expresión colectiva máis inclusivas”.

Durante este evento contarase coas intervencións de Elena Freire Paz e Marta Veiga Izaguirre (Universidade de Santiago de Compostela), que falarán sobre “Máscaras e xéneros” e tamén cun relatorio da antróloga zamorana María Pilar Panero García (da Universidad de Valladolid e investigadora principal do proxecto europeo “MASKS”), titulado “A expansión do etnolóxico e a arte mascareira.

 

María Pilar Panero e Elena Freire, dúas das tres relatoras da xornada./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Outro dos elementos do programa será o recital De man en man, por Luis Antonio Pedraza recupera a esencia da música tradicional a través de instrumentos e melodías transmitidas ao longo do tempo, mantendo vivo un legado que continúa en movemento.

Luis Antonio Pedraza é un músico e folclorista zamorano, licenciado en Historia e Ciencias da Música pola Universidade de Salamanca e Diplomado en Educación Musical pola Universidade Pontificia de Salamanca, cun Máster-Especialista en Música Hispana pola Universidade de Valladolid. Profesor de ensino secundario, foi fundador da Asociación de Tamborileros Zamoranos e membro do grupo La Musgaña. Colaborou con artistas como Joaquín Díaz, Luar na Lubre, Kepa Junkera ou Xabier Díaz, e conta con seis discos en solitario e quince colaboracións discográficas dedicadas á música tradicional. A súa traxectoria foi recoñecida con premios como o Premio MT “Joven Valor”, dous Premios Nacionais de Tamborileros, o Premio Nazionale di Cultura Zampognara (Italia) e o Premio URCACyL 2025.

A xornada forma parte da programación arredor da exposición temporal MASKS. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II, que se poderá ver no Museo do Pobo Galego até o 26 de abril. No marco da mesma programación, este venres, 27 de marzo, ás 16:30 horas, terá lugar a primeira dunha serie de visitas guiadas á exposición. Para inscribirse, é necesario enviar un correo electrónico a deac@museodopobo.gal até o 26 de marzo.

PROGRAMA

11:00 h. Intervencións:
“Máscaras e xéneros”. Elena Freire Paz e Marta Veiga Izaguirre (Universidade de Santiago de Compostela)
“A expansión do etnolóxico e a arte mascareira”. María Pilar Panero García (Universidad de Valladolid, proxecto MASKS). Conversa aberta.

13:00 h. Recital: De man en man. Luis Antonio Pedraza.

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Back to top button