CulturaCulturaÚltima hora

Xornada arredor das festas, a memoria e o viño, este sábado na Rúa

A xornada incluirá a conversa 'A Rúa nas festas de onte e de hoxe', unha lectura poética, un coloquio sobre o viño no Valdeorras, unha cata de viños da D.O. Valdeorras e unha actuación do Grupo de Cantos de Taberna da Asociación Abertal

 

A Lacena Pequena chega este sábado 3 de outubro a A Rúa, onde fará a segunda parada do seu primeiro percorrido por diferentes localidades galegas. A partir das 16.00 h, o espazo cultural itinerante abrirá as súas portas para unha xornada que terá como fíos condutores a memoria das festas da localidade, a tradición vitivinícola do Valdeorras e a música popular.

A programación comezará ás 18.15 h coa conversa A Rúa nas festas de onte e de hoxe, na que participarán Ermitas Díaz, Carmen Álvarez, Rosa García, Yolanda Moon e Rosario Rodríguez. O encontro servirá para recuperar lembranzas e experiencias arredor das celebracións da localidade e da maneira na que foron cambiando co paso dos anos.

Ás 19.15 h, Rosa García Machado fará unha lectura do seu poema sobre o viño. A continuación, ás 19.30 h, terá lugar un coloquio arredor do viño no Valdeorras, con Sabela, da Bodega Alán de Val, e Javier, da Bodega Sampayolo.

A programación continuará ás 20.30 h cunha cata de viños da D.O. Valdeorras, na que se poderán probar Godello Pedrazais e Rodado Castes Nobres, da Bodega Alán de Val, e Garnacha Tintonera, da Bodega Sampayolo.

A xornada rematará ás 21.00 h coa actuación do Grupo de Cantos de Taberna da Asociación Abertal, que pechará a parada da Lacena en A Rúa cunha proposta vinculada á música tradicional e popular.

Todas as actividades da xornada serán gratuítas e abertas ao público.

A Lacena Pequena é un proxecto cultural itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura, coa colaboración da Xunta de Galicia a través do programa ‘O Teu Xacobeo’. A proposta transforma un contedor marítimo recuperado e acondicionado nunha infraestrutura móbil capaz de acoller diferentes formatos culturais.

O proxecto percorre localidades de menos de 5.000 habitantes vinculadas aos Camiños de Santiago e adapta a súa programación a cada lugar. Conversas, música, artes escénicas, exposicións, obradoiros, memoria ou gastronomía forman parte das posibilidades da Lacena, que en cada parada incorpora persoas, colectivos e propostas da contorna.

A Rúa é a segunda parada do primeiro percorrido de A Lacena Pequena, despois da súa estrea en Vedra os días 18 e 19 de setembro. Tras esta xornada, o proxecto continuará por Triacastela, os días 10 e 11 de outubro; Portas, o 23 e 24; e Boqueixón, o 30 e 31 de outubro.

Imaxe cedida.

Back to top button