
O Hospital Universitario de Ourense acolle hoxe unha Xornada de Cirurxía Endócrina Cervical en directo, na que se porán en práctica novas técnicas para a localización e preservación das glándulas paratiroides nas tiroidectomías, mediante o uso do sistema Fluobeam, implantado de xeito pioneiro polo Servizo de Cirurxía de Ourense.
A xornada, promovida polo responsable da Unidade de Cirurxía Endócrina Cervical, e xefe de sección de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Pedro Trillo, estrutúrase en dúas etapas, a primeira de cirurxía en directo, con retransmisión de imaxe e son das intervencións directamente desde quirófano, o que permite a interacción entre asistentes e o equipo cirúrxico.
Esta tarde a xornada continuará coa conferencia, tipo videofórum, sobre “Preservación das glándulas paratiroides: cirurxía tiroidea con fluorescencia. Leccións aprendidas 2016-2025”, impartida polo recoñecido especialista neste eido, Pablo Moreno, xefe da Unidade de Cirurxía Endócrina do Hospital Universitario de Bellvitge.
A Unidade de Cirurxía Endócrina Cervical do Universitario de Ourense foi a primeira de Galicia en empregar este innovador sistema, que facilita a visualización das pequenas glándulas paratiroideas, e os vasos que as irrigan, axudando ao cirurxán a localizar e preservar estas estruturas, evitando así o seu dano accidental, un dos principais riscos da cirurxía tiroidea.
Seguridade e precisión
Este avance no eido da seguridade e da precisión é moi importante na cirurxía endócrina, xa que o principal risco é precisamente a lesión das glándulas paratiroides, catro estruturas moi pequenas, con frecuencia difíciles de distinguir, e en íntima relación coa glándula tiroides, cuxa función principal é regular o calcio.
Un dano na súa estrutura, ou no seu rego sanguíneo durante a intervención, pode derivar nun hipoparatiroidismo, o que suporía para o paciente a necesidade de medicarse de por vida para para regular o calcio.
O sistema Fluobeam permite aos cirurxiáns identificar, en tempo real, as paratiroides mediante autofluorescencia -en infravermello-, sen necesidade de administrar contrastes adicionais. Así, optimízase a localización destas pequenas glándulas, grazas a unha cámara que ofrece unha visión en tempo real.
Ademáis do infravermello, o sistema permite empregar tamén a fluorescencia, que fai visible a árbore vascular que irriga as catro pequenas glándulas paratiroides, evitando numerosas complicacións e estudos postcirúrxicos. Esta posibilidade permite modificar a orde clásica da cirurxía. Empregando a información do mapa vascular, antes de retirar o tiroides, evitando estudios posteriores.

Máis de 150 intervencións de tiroides ao ano
A cirurxía de tiroides, ou tiroidectomía, é unha intervención na que se retira unha parte ou toda a glándula tiroide. Esta indicada ante nódulos tiroideos sospeitosos ou malignos, nalgúns casos de bocio, hipertiroidismo que non responde a tratamento, ou outras alteracións estruturais.
Para o coordinador da Unidade, Pedro Trillo, a nova técnica que centra a xornada “supón un salto cualitativo na seguridade e precisión”. Máxime tendo en conta que a cirurxía de tiroides é unha das intervencións endocrinas máis comúns. En Ourense realízanse anualmente , máis de cento cincuenta intervencións, aproximadamente a metade por sospeita de malignidade.
