
O programa O Merendoiro, promovido pola Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, a través de Outonía S. Coop. Galega, celebrará hoxe venres 13 de novembro unha xornada de peche e convivencia na sala da cuarta planta do edificio da Biblioteca Municipal, entre as 19.00 e as 20.30 horas.
Ao encontro están convidadas todas as persoas que participaron nos obradoiros do programa, co obxectivo de compartir unha merenda e crear un espazo de encontro no que intercambiar opinións, experiencias e vivencias arredor das actividades desenvolvidas ao longo da programación.
A xornada pretende ser, segundo o Concello do Barco, unha “oportunidade para reencontrarse, compartir momentos e conversar sobre as experiencias vividas, nun ambiente distendido e participativo. Ademais, permitirá recoller as impresións e valoracións das persoas asistentes, coñecer como viviron as distintas propostas e poñer en común ideas que poidan contribuír a seguir mellorando futuras edicións do programa”.
Con este encontro pecharase a programación do Merendoiro “dun xeito próximo e participativo, dando protagonismo ás persoas que formaron parte dos obradoiros e que contribuíron, coa súa implicación, a dar vida ás distintas actividades”, indica o Concello.
A participación nesta xornada será totalmente gratuíta, ao igual que no resto das actividades do programa.
O Merendoiro, financiado polo Concello e ideado por Outonía Sociedade Cooperativa, nace co propósito de ofrecer á mocidade valdeorresa alternativas de ocio diferentes, creativas e participativas, promovendo espazos de relación, aprendizaxe e convivencia.
Con esta xornada final, o programa busca tamén reforzar os vínculos creados durante as actividades e favorecer a participación activa da mocidade.