
A Asociación Por Eles TEA retomou o 31 de agosto, a súa actividade. Porén será mañá, 3 de setembro, cando dará a coñecer os seus novos programas, servizos e ao seu equipo profesional nunha xornada de portas abertas na súa sede das Lagoas, en Ourense.
Pretenden “achegar a labor da Asociación Por Eles TEA á cidadanía e ofrecer un espazo de encontro, información e orientación para todas aquelas persoas que queiran coñecer máis sobre a entidade”, por iso a xornada está aberta a todas as persoas interesadas en coñecer máis de cerca o autismo, teñan ou non relación previa coa asociación. “O obxectivo é que calquera persoa que se achegue poida coñecer a asociación, expor as súas dúbidas e descubrir os recursos que ten ao seu dispor”, din, engadindo que explicarán de xeito próximo como funciona a asociación, que servizos ofrece, como se pode acceder a eles e que tipo de acompañamento poden atopar as persoas autistas e as súas familias.
Será tamén unha oportunidade para coñecer as novas iniciativas da entidade e descubrir como poden contribuír ao acompañamento e apoio das persoas autistas e as súas familias. Neste encontro presentarase ao equipo profesional que conforma a entidade, xa que, este ano conta con dúas novas incorporacións no ámbito da psicoloxía e da logopedia.
Outro dos servizos que se dará a coñecer será o servizo de terapias, destinado a proporcionar acompañamento e apoio profesional ás persoas autistas. “Poderase obter información sobre as terapias dispoñibles, o seu funcionamento, as persoas ás que van dirixidas e como acceder a elas. Así como o desenvolvemento do servizo de acollida e información que de forma gratuíta proporciónaselle a calquera persoa que contacte co centro”.
Dende a asociación animan “ás persoas interesadas a manterse informadas a través dos perfís oficiais da Asociación Por Eles TEA en redes sociais, onde se publicarán todos os detalles da xornada e a ligazón para confirmar a asistencia e seleccionar o horario que prefiran, de 11-13h ou ben de 17-19h.