EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Xornada divulgativa da Ribeira Sacra na Casa de Galicia en Madrid

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude presentoulles a proposta nun acto promocional na Casa de Galicia, no que participou o ministro de Cultura, Ernest Urtasun

 

Este mércores tiña lugar unha xornada divulgativa da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial na Casa de Galicia, en Madrid. O evento contaba coa presenza do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; de representantes do Goberno central como o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, e do embaixador delegado permanente de España ante a UNESCO, así como dos embaixadores e embaixadoras en España dos 21 países decisivos no 48º Comité do Patrimonio Mundial que a Unesco celebrará en Corea do Sur o vindeiro mes de xullo, así como de alcaldes da Ribeira Sacra e do presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, entre outras autoridades.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, daba a coñecer na súa intervención os “atributos únicos” da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial a embaixadores dos 21 países que avaliarán a proposta na Comisión da Unesco que se celebrará en xullo en Corea do Sur. Fíxoo nun acto promocional na Casa de Galicia en Madrid, no que participou o ministro de Cultura, Ernest Urtasun.

Neste encontro, ao que tamén asistiu o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e representantes dos 26 concellos de Lugo e Ourense que abrangue este territorio, o titular de Cultura da Xunta incidiulles en que a candidatura Ribeira Sacra. Paisaxe da auga é un proposta “sólida e con argumentos firmes”, resultado do “traballo exhaustivo, rigoroso e coordinado” entre técnicos do Goberno galego e do Ministerio de Cultura. “Trátase dunha candidatura de país ante un reto compartido e ilusionante”, salientou.

Neste punto, López Campos quixo agradecer a “coordinación e acompañamento constante” do Goberno central coa candidatura, facendo especial fincapé na “total implicación” do propio embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, como tamén do ministro de Cultura, a quen tamén lle agradeceu a súa participación neste encontro con diplomáticos “dentro das últimas accións ante a avaliación definitiva de xullo”.

Precisamente, o conselleiro enmarcou a promoción de hoxe dentro das “citas claves” que están a desenvolver para darlle “máis pulo aínda” á candidatura na recta final de cara ao Comité de Patrimonio Mundial da Unesco, que se celebrará na cidade coreana de Busán, e na que participarán con dereito a voto embaixadores presentes neste encontro.

Patrimonio da Galicia Calidade

Por estes motivos, o representante do Goberno galego explicoulles que Ribeira Sacra: Paisaxe da auga está baseada nos atributos “excepcionais e únicos” deste territorio. En concreto, salientou que se centra “nunha paisaxe construída co uso da auga dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, remarcoulles.

Ao respecto, incidiulles no “carácter único” da Ribeira Sacra, “amosando a espectacularidade dos canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga”.

Por estes motivos, López Campos convidounos a coñecer in situ o territorio que conforma un patrimonio, “que supón un orgullo compartido e que se integra dentro dos valores da Galicia calidade que tanto e tan ben nos representa dentro e fóra das nosas fronteiras”.

 

 

Seguintes pasos nunha etapa decisiva

Finalmente, o conselleiro de Cultura anunciou que a estas “accións decisivas” na recta final do procedemento se sumará unha xornada promocional en París, coordinada co embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, na que tamén colaborará o Ministerio de Cultura.

“Un paso máis dentro dun conxunto de actuacións das que debemos sentirnos satisfeitos”, asegurou ao tempo que indicou que, por estas razóns, “se confía en que a Ribeira Sacra se faga co merecido e honroso recoñecemento internacional”, concluíu.

A xornada divulgativa da candidatura “Ribeira Sacra. Paisaxe da Auga” foi presentada polo director Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos, e contou coas intervencións do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o Ministro de Cultura, Ernest Urtasun Domènech, que defenderon a candidatura como un “proxecto de país”, idea coa que concordou o Alcalde, José Tomé: “Esta candidatura é unha proposta de todos”.

Como peche, os asistentes compartiron unha mostra da riqueza gastronómica da Ribeira Sacra na que os produtos e os viños locais foron protagonistas.

Back to top button