ConcellosQuirogaÚltima hora

Xornada formativa para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Quiroga

 

As traballadoras do Servizo de Axuda no Forgar (SAF) do Concello de Quiroga participaron a pasada fin de semana nunha xornada formativa sobre a atención e o coidado de maiores a domicilio, organizada polo Concello de Quiroga e a empresa Attende-Care, concesionaria do Servizo de Atención ao Fogar.

A formación tivo unha primeira parte na que a coordinadora do servizo e traballadora de Attende-Care, Galia Fernández, trasladoulles ás presentes coñecementos teóricos sobre a atención e o coidado de maiores a domicilio; e unha segunda parte de carácter práctico, coa coordinadora tamén presente, na que se fixeron certas simulacións de coidados a persoas dependentes.

No relativo a coñecementos básicos, Galia lembrou a importancia do SAF para os nosos maiores dependentes, do marco legal da axuda a domicilio, da financiación do servizo, da súa estrutura organizativa, de prevención e riscos, dereitos e obrigas de auxiliares e dos propios usuarios, etc.

Na segunda parte da formación, tres das auxiliares fixeron demostracións de como cambiar unha cama con usuarios/as nela, ensinaron tamén como realizar cambios de posturas, técnicas de baño e aseo, así como as manipulacións con grúa dunha cama a unha cadeira e viceversa. Para estas accións empregáronse unha cama articulada, unha grúa de traslado ou elevación e unha cadeira.

 

 

Na parte teórica, que serviu para refrescar conceptos, xurdiron bastantes preguntas que Galia foi contestando convenientemente. Na parte práctica resultou moi interesante que as demostracións foran realizadas por as propias traballadoras do servizo, neste caso tres voluntarias que se prestaron a esta colaboración, ao provocar máis interacción dada a confianza entre as participantes.

Ao remate da xornada técnica e práctica, o concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández, achegouse ao Centro Social para falar coas traballadoras ás que lles trasladou o interese e dedicación que dende o concello se está poñendo na mellora do servizo e sempre en contacto directo coa empresa adxudicataria, Attende-Care. Nese senso, ademais de agradecer e poñer en valor o traballo das auxiliares, lembrou as accións que se están  realizando: seguimento do servizo con reunións periódicas coa empresa, organización de formacións e charlas de interese para as auxiliares, comunicación e encontros coas traballadoras, etc.

Nese momento tamén estivo presente Nerea Rozados, responsable a nivel de Galicia da concesionaria do SAF en Quiroga, Attende-Care, quen puxo en valor o importante traballo que realizan as traballadoras. Tamén lles trasladou o empeño da empresa para mellorar día a día o servizo e as condicións así como o compromiso de manter a comunicación actual co Concello de Quiroga.

E xa, como remate á xornada, realizouse un pequeno aperitivo que serviu de encontro distendido para o grupo de traballo.

Back to top button