A bolsa de carga para transporte nacional e internacional, o combustible HVO (aceite vexetal tratado con hidróxeno) eran dous dos temas que centraban unha xornada organizada pola Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), que preside o valdeorrés Javier Adolfo González, nesta tarde deste 12 de novembro na súa nova sede no polígono da Sionlla en Santiago de Compostela. Tamén se abordaba a importancia da pegada de carbono e as solucións sostibles no sector.
A xornada contaba coa participación da directora xeral de Apetamcor, Natalia Blanco Díaz, quen se encargaba da presentación do acto; a avogada da asociación, Ainara Mera, que abordaba a situación do transporte internacional, das medidas lexislativas, de como se fai a cabotaxe, da lexislación que afecta a Europa… Outro dous relatores eran representante da empresa Wtransnet (Xavi Campos e José Luis Blanco), unha bolsa de cargas por internet nacional e internacional que os empresarios de Apetamcor acostuman usar e que dispón dunha rede de cargadoras importantes a nivel Europa, sobre todo para retornar a España cando van con mercancía ou para saír.
“Falamos do entorno, de como está o transporte en Europa e cara onde camiñamos porque este sector vai sufrir uns cambios moi importantes. Agora imos pagar máis taxa nas peaxes en función do grao de contaminación das nosas empresas e do vehículo e as empresas cargadoras. Tamén nos van esixir reducir a nosa pegada de carbono porque, como contratan os nosos servizos, a nosa pegada tamén suma á súa, polo que estamos nun momento importante de cambios tanto tecnolóxicos como medioambientais, e mesmo sociais, porque agora temos que apostar por unhas condicións laborais mellores para os nosos traballadores. De aí que como organización esteamos moi pendentes de que se constrúan e de construír aparcadoiros con vixilancia, con seguridade, para que os nosos condutores poidan realizar as súa rutas con descanso e poidan descansar con tranquilidade, sen necesidade de estar pendente da mercadoría”, explicaba en declaracións ao Periódico O SIL, a secretaria xeral de Apetamcor, Myriam Otero.
Con respecto á seguridade e ao transporte, engadía que “o problema agora mesmo é que se a nós nos rouban o camión ou a mercadoría, e o vehículo non está nunha nave pechada ou nun aparcadoiro con vixilancia as 24 horas, é o transportista quen ten que asumir a perda porque o seguro non cobre. Trátase dun problema moi grave, polo que os condutores non poden descansar ben, xa que cando teñen o camión cargado deben durmir estando alerta. E iso non pode ser porque, non só son malas condicións de traballo para eles, senón tamén para a seguridade viaria nun momento no que existe unha gran escaseza de condutores, que é outro dos grandes problemas deste sector”.
Ao remate da xornada, dunha hora e media de duración, había un petisco para que os asistentes puidesen charlar de forma máis distendida. Entre eles estaba tamén David Crego, secretario xeral da Feintra, Federación Independente de Transportistas, que está no Comité Nacional de Transporte e o vicepresidente.
“Estamos nun momento relevante de cambios no sector, con problemas sobre a mesa que temos que afrontar porque o futuro non o podemos cambiar. Temos que sumarnos a el, non podemos ir en contra”, conclúe a secretaria xeral de Apetamcor. E nesa liña van xornadas coma esta.
Fotos e vídeo: O SIL.