En portadaÚltima hora

Xornada técnica do Clúster da Pizarra de Galicia na Coruña sobre a situación deste material na construción

 

O Clúster da Pizarra de Galicia e a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña (EUATAC), celebraban hoxe, no Salón de Graos do mencionado centro educativo, unha xornada técnica con título “A lousa galega na construción”. Nunha sala que encheron máis de 50 profesores e alumnos dos dous últimos cursos desta titulación académica, analizáronse, entre outros temas, o uso actual deste material en obra, as súas características únicas e as razóns de peso para a súa elección, a relación da lousa co medio ambiente e a sostibilidade, e os principais desafíos aos que se enfrentará no sector da construción, nos vindeiros anos.

A xornada técnica contaba coas intervencións de Darío López Fernández, presidente do Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Ourense; Santiago López Piñeiro, arquitecto técnico experto en pizarra e Severino González, xerente do Clúster da Pizarra, cuxos comentarios e aportacións foron moderados por Juan Luis Pérez Ordóñez, director da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña.

Pola súa banda, o xerente do Clúster da Pizarra destacaba que o obxectivo principal de celebración da xornada técnica non é outro que achegar este material aos estudantes “para que o coñezades e seades os transmisores da información ante o constructor e o arquitecto, porque vós, cando rematedes a vosa formación universitaria, seredes o colectivo que mellor coñece os materiais de construción”.

Campaña de Promoción

Esta xornada técnica vén a complementar a exposición titulada “Mostrando a pizarra”, inaugurada o pasado día 23 de setembro. A mostra, que se atopa situada na entrada da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña (EUATAC), pódese visitar ata o vindeiro 6 de outubro.

Ambalas dúas accións forman parte da campaña de promoción que o Clúster da Pizarra de Galicia está levando a cabo entre prescritores de interese para o sector, á que seguirá unha visita de alumnos e profesores da EUATAC ao sector da pizarra o vindeiro día 10 de outubro.

A exposición viaxará posteriormente á Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC), onde tamén está contemplada a celebración dunha xornada técnica e outra visita, que esta vez realizarán ao sector, alumnos e profesores desta universidade e de Formación Profesional en Edificación.

 

 

Back to top button