O Concello de A Veiga organizará o vindeiro martes 3 de decembro a I Mesa da Madeira que leva por nome “A construción en madeira para a edificación sostible do Futuro”. Trátase dunha xornada técnica con dúas mesas redondas que se desenvolverá na Biblioteca Pública da Veiga.
A primeira das mesas estará moderada polo director técnico de Ametlam, Hugo Rodríguez García, e centrarase nas políticas públicas e a visión de promotores e construtoras sobre o papel que terá que xogar a madeira na edificación das aldeas e cidades. Nesta mesa participarán Jacobo Aboal Viñas, director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Juan Antonio Gómez Pintado presidente da corporación VIA AGORA (formada por diferentes empresas onde destacan inmobiliarias, construtoras e fábricas da 2ª transformación do sector da madeira) e Roberto Lameiro Alonso como administrador da construtora Galega Petrolam Infraestructuras.
A segunda das mesas, adicada o ciclo da madeira dende o monte ata a prescrición para o seu emprego na edificación, pasando polos distintos procesos industriais e I+D+I; será moderada por Alfredo Fernández Ríos, responsable da área de Información Forestal da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA). Nela participarán o director técnico da empresa de servizos forestais con sede na Veiga, Ametlam, Hugo Rodríguez García, o enxeñeiro forestal e responsable do aserradeiro de Ponteareas Maderas Hnos. Castro, Abel Castro Rodríguez, o arquitecto e socio de MOLArquitectura, Juanjo Otero Vázquez, e a responsable de solucións construtivas de Financiera Maderera S.A (FINSA), Enma Romero Brey.
A clausura da xornada correrá a cargo do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid. Dende o Concello da Veiga convídase a tódalas persoas interesadas a asistir, tanto do sector da madeira como público en xeral.