EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Xornada técnica sobre “Novas estratexias para a calidade: do laboratorio á viña”, en Valdeorras

Reunía no Castro (O Barco) a adegas, enólogos, técnicos e viticultores desta D.O. co foco posto na innovación aplicada ao viñedo.

 

Compartir unha visión conxunta sobre a importancia do chan e das prácticas agronómicas na calidade final do viño, así como o papel das estratexias avanzadas para mellorar o rendemento e a sanidade do cultivo. Este era o obxectivo da xornada “Novas estratexias para a calidade: do laboratorio á viña”, que se desenvolvía esta mañá de 26 de febreiro no Pazo do Castro (O Barco).

O encontro, promovido por Alltech Crop Science, Ideagro e DELAGRO e dirixido ao sector valdeorrés; poñía o foco en que a excelencia do viño comeza moito antes da vendima. Iníciase no chan, consolídase con decisións agronómicas acertadas, especialmente en momentos críticos como as novas plantacións ou a recuperación de viñedos con historia, e refórzase con estratexias que permiten á vide responder mellor #ante condicións adversas.

Así, o primeiro bloque da xornada, impartido por Alexia Stellfeldt, Project Manager de Ideagro, centrouse na importancia do chan e o microbioma como base dun viñedo equilibrado. Stellfeldt destacou que, para tomar mellores decisións, é necesario ampliar o diagnóstico do chan máis aló dos parámetros físico-químicos e incorporar indicadores biolóxicos que axuden a comprender que está a ocorrer realmente “baixo a superficie”.
Na súa intervención, explicou o valor da actividade encimática como ferramenta práctica para interpretar o funcionamento do chan e a súa capacidade de achegar nutrientes de forma eficiente. Estas medicións, sinalou, “permiten detectar desequilibrios, anticipar problemas e orientar estratexias de manexo máis axustadas á realidade de cada parcela, co obxectivo de soster a produtividade sen comprometer a saúde do chan a medio e longo prazo”.

O segundo bloque correu a cargo de Jesús Sánchez, técnico especialista en viñedo de DELAGRO, quen abordou prácticas agronómicas clave na viña, poñendo o foco en novas plantacións e na recuperación de viñedos de legado. Sánchez subliñou que “a lonxevidade do viñedo, e con ela a estabilidade da calidade, constrúese con decisións técnicas tomadas a tempo: desde a formulación inicial da plantación e a súa implantación, ata o manexo posterior e a recuperación de parcelas con valor histórico e produtivo”.

Este técnico incidiu en que o sector afronta un escenario cada vez máis esixente, no que a sustentabilidade, a eficiencia no uso de insumos e a necesidade de manter a calidade obrigan a afinar o manexo. Neste contexto, defendeu a importancia de traballar cunha visión preventiva, baseada en coñecemento agronómico e en estratexias que axuden a reducir riscos e a soster o equilibrio do cultivo campaña tras campaña.

 

 

Nun terceiro bloque, Marta Simón, enxeñeira técnica agrícola de Alltech Crop Science, expoñía un relatorio centrado na resistencia inducida en viñedo e na presentación de resultados. Simón explicou que o obxectivo destas estratexias é acompañar á planta para que active e reforce os seus propios mecanismos de defensa, mellorando a súa capacidade de resposta #ante diferentes #estrés e favorecendo un comportamento máis estable do viñedo.

Ademais sinalou que “a tendencia actual en viticultura apunta a integrar cada vez máis ferramentas baseadas en ciencia que permitan avanzar cara a modelos de manexo máis sostibles, sen renunciar á produtividade nin á calidade”. Nesa liña, remarcou o valor de combinar coñecemento do chan, prácticas agronómicas axustadas e solucións que contribúan a manter o viñedo en mellores condicións durante toda a campaña.

“A xornada reuniu a adegas, enólogos, técnicos e viticultores nun espazo de intercambio e actualización técnica, cun enfoque claramente aplicado e orientado á toma de decisións en campo. Os asistentes coincidiron na necesidade de seguir incorporando coñecemento e ferramentas que axuden a interpretar mellor cada viñedo e a actuar con maior precisión, especialmente nun contexto de cambio climático, presión sanitaria e novas esixencias de sustentabilidade”, segundo se indica dende a organización.

Fotos: Carlos G. Hervella/ cedidas.

Back to top button