
O Club Peña Trevinca Barco organizará os vindeiros días 21 e 22 de xuño unhas xornadas de achegamento ao mundo da escalada. Terán lugar no rocódromo do Concello do Barco e no exterior, nunha zona próxima ao Barco. Así o vén de dar a coñecer esta entidade deportiva a través das súas redes sociais.
A iniciativa está dirixida tanto a adultos como a mozos e nenos que queiran iniciarse nesta actividade. As prazas son limitadas (un total de dez) e para inscribirse ou realizar consultas, pode contactarse co club.

Con esta acción formativa o club busca “crear base na escalada, que é unha actividade que cada vez está máis en auxe e que suscita moito interese. Ademais a nosa idea é, de cara a máis adiante, crear unha escola de escalada aquí”, comenta o presidente do Peña Trevinca, Miguel de la Cal.