OurenseÚltima hora

Xornadas formativas arredor da castaña no Barco e Trives en xullo, dentro do proxecto SoutLab

A actividade reunirá expertos, entidades do territorio e propietarios para compartir coñecemento e experiencias arredor do futuro da cultura da castaña

Souto de castiñeiros./ Foto: A.R.

 

O proxecto SoutoLAB celebra este mes de xullo unha nova actividade formativa baixo o título “Xestión produtiva dos soutos: multifuncionalidade, resiliencia e oportunidades”, unha proposta que combina unha visita de campo e unha xornada divulgativa para analizar os retos e oportunidades que afrontan os soutos como espazos produtivos, ambientais e patrimoniais.

Esta iniciativa desenvolverase en dúas sesións complementarias. A primeira terá lugar o venres, 17 de xullo, cunha visita de campo ao Souto de Alixo, mentres que a segunda celebrarase o xoves, 23 de xullo, na Sala de Usos Múltiples do Concello do Barco de Valdeorras, cunha xornada técnica na que se abordarán diferentes experiencias e modelos de xestión. Para ambas actividades, a asistencia é libre ata completar aforo, previa inscrición na páxina web juanadevega.org ou a través do correo fgarcia@juanadevega.org.

A visita de campo do 17 de xullo comezará ás 17.00 horas e incluirá unha intervención de Daniel Canosa, técnico da área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega, sobre o papel dos soutos como infraestruturas verdes para a protección das aldeas e a prevención dos incendios forestais. A continuación, Marcos Reinoso, membro da Asociación Galega de Custodia do Territorio, analizará as posibilidades da custodia do territorio como ferramenta para a conservación do patrimonio vinculado aos soutos e ao desenvolvemento do ecoturismo.

Posteriormente, as persoas participantes desprazaranse ao Souto de Alixo, onde Marcos Reinoso guiará unha visita técnica centrada na avaliación dos danos provocados polos incendios, a planificación da restauración post-lume, as técnicas de rexeneración e manexo silvícola, así como a sanidade vexetal e as boas prácticas de xestión.

Pola súa banda, a xornada técnica do 23 de xullo abrirase cunha reflexión sobre a cultura da castaña como patrimonio vivo, a cargo de Fran García, técnico da área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega e coordinador do proxecto SoutoLAB. A continuación presentarase a experiencia da Agrupación de Xestión Conxunta de Parada de Sil, da man de Mónica Bizarro e Francisco Magide, representantes da asociación de propietarios dos soutos deste municipio ourensán.

A programación completarase cun relatorio impartido por Julián Alonso, presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, quen abordará a multifuncionalidade dos soutos e os seus aproveitamentos complementarios, poñendo o foco nas oportunidades que ofrecen estes ecosistemas máis aló da produción de castaña.

Este ciclo de actividades continuará cunha nova xornada o venres, 24 de xullo, na Pobra de Trives. Desta forma, SoutoLAB promove espazos de encontro entre persoal técnico, propietarios, entidades e axentes locais para impulsar modelos de xestión sostible que contribúan á recuperación e valorización dos soutos nas comarcas de Valdeorras e Terra de Trives. A transferencia de coñecemento, o intercambio de experiencias e a colaboración entre os diferentes actores do territorio constitúen algúns dos piares do proxecto para reforzar o futuro da cultura da castaña desde unha perspectiva innovadora e participativa.

Sobre SoutoLAB

SoutoLAB é un laboratorio rural que busca revitalizar a cultura da castaña nas comarcas de Valdeorras e Terra de Trives. Para iso, combina coñecemento local, investigación e emprendemento co obxectivo de poñer en valor a castaña desde unha perspectiva social, ambiental e económica. A Fundación Juana de Vega coordina o proxecto en colaboración cos concellos do Barco de Valdeorras, Manzaneda, San Xoán de Río e A Pobra de Trives, e co apoio da Fundación “la Caixa” e a Deputación de Ourense.

 

Back to top button