EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Xornadas técnicas sobre viticultura responsable en Valdeorras, organizadas por AEVA

Un dos momentos das xornadas./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

AEVA organizaba esta fin de semana dúas xornadas formativas centradas na importancia do solo agrícola e vitícola como base esencial dunha produción sostible. A actividade, dirixida a profesionais do sector, abordaba a necesidade de preservar este recurso natural, determinante para a calidade dos cultivos e a sustentabilidade do territorio.

A formación era impartida polos enxeñeiros técnicos agrícolas Enrique Santiago Pérez Espiño e Ricardo Dobao Macía, que ofrecían unha visión técnica e aplicada sobre a estrutura e composición do solo, a súa fertilidade, a microbiota e os factores que inflúen directamente na produtividade e calidade do viñedo. Ao longo da xornada analizáronse temas como a xestión eficiente de nutrientes, a influencia do pH, o control da erosión e a incorporación de prácticas de manexo sostibles.

A cita contaba coa participación de enólogos, adegueiros e viticultores da comarca. O encontro serviu tamén como espazo de intercambio de experiencias entre profesionais do sector, que compartiron inquietudes sobre os retos actuais do viñedo valdeorrés.

Durante o desenvolvemento da xornada, púxose de relevo que o chan non é un elemento estático, senón un ecosistema vivo que require unha xestión coidadosa e continuada. O seu bo estado repercute directamente na saúde da vide e na calidade final dos viños, o que converte a súa conservación nunha prioridade estratéxica para o conxunto do sector.

“Deste xeito, AEVA mantén o seu compromiso de acompañar ao sector vitivinícola valdeorrés no seu proceso de innovación, sustentabilidade e mellora continua, contribuíndo ao desenvolvemento dunha comarca que combina tradición, coñecemento técnico e un firme compromiso co futuro do territorio.
Estas xornadas que veñen celebrándose anualmente enmárcanse no programa AEVA EMPREGATE VII financiado pola Deputación de Ourense”, segundo indica AEVA.

Back to top button