En portadaÚltima hora

Xosé M. Merelles: “Esta distinción é un éxito institucional pero sobre todo de quenes fan e viven o Entroido”

O Ministerio de Industria e Turismo facía público hoxe o recoñecemento dos Entroidos de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, Festa de Interese Turístico Nacional

 

Na mañá deste mércores 9 de xullo, un ano despois do inicio dos traballos realizados desde a Xunta de Galicia en colaboración estreita cos Concellos de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, que de forma conxunta presentaban a candidatura, o Ministerio de Industria e Turismo facía público o recoñecemento dos seus Entroidos como Festa de Interese Turístico Nacional. Unha distinción que o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles valoraba moi positivamente.

 

Xosé M. Merelles no Entroido de Vilariño de Conso./ Foto A.R.

 

Visiblemente emocionado e moi satisfeito, Merelles asegura que este “é un premio ao esforzo de todas as partes, os tres concellos e Turismo de Galicia que cremos moito no Entroido e na iniciativa dos propios concellos e puxémonos a traballar con eles e tutelar un pouco o proceso”.

O director da Axencia de Turismo destaca a “xenerosidade dos tres concellos porque ningún levou o protagonismo logrando entre todos un bo resultado, aínda que realmente o éxito é dos folións e de todas as persoas que traballan polo Entroido”.

 

Presentación dos Entroidos en Viana do Bolo.

 

Segundo apunta Merelles, este é un gran recoñecemento porque a partir de agora os tres Entroidos terán maior promoción tanto por parte de Tourespaña que é o gran organismo de promoción turística de España, como por parte da Xunta de Galicia”, á parte dunha achega de 30.000 euros para cada un (25.000 por parte da Axencia de Turismo e 5.000 de ABANCA).

Xosé Manuel Merelles explica que o que dá mostra da magnitude do esforzo é que “por primeira vez se presenta unha candidatura conxunta de tres festas, algo que nós sempre quixemos porque están moi próximos xeograficamente, teñen elementos comúns, fundamentalmente os folións, e porque non interfiren uns cos coutros senón que se complementan, o Entroido e a Festa do Cabrito en Vilariño é o sábado; o de Viana e a Festa da Androlla o domingo; e o de Manzaneda o marte. “Tourespaña pedía que fose unha candidatura conxunta pero ao mesmo tempo son Festa de Interese Turístico Nacional cada un polo que nós ideamos o nome de Os Entroidos do Oriente Ourensán con grande éxito xa que un ano despois recoñecéronos”.

 

 

Ata agora en Galicia só había 9 festas de interese turístico nacional en diferentes ámbitos (gastronómica, cultural,…) e agora cos Entroidos de Viana, Vilariño e Manzaneda serán 12, “algo moi importante para toda a provincia de Ourense que pon a cinco Entroidos con protección oficial: o de Xinzo, internacional; Verín e agora estes tres, nacional, unha oportunidade para Galicia moi especial de promocionar unha das súas festas de inverno con máis raigame”.

Esta declaración ten, segundo Merelles, moitas motivacións e interese por distintos motivos, “non só para as vilas onde se celebran senón para toda a comunidade e para unha estratexia que está levando a cabo Turismo de Galicia relacionado coa desestacionalización. Estamos traballando para que cada vez veña máis xente ao longo do ano, non só no verán, e o Entroido é unha oportunidade excepcional dado o raigame que ten na poboación do medio rural fundamentalmente, e o seu valor etnográfico”. O éxito “é institucional pero sobre todo de quenes fan e viven o Entroido, os folións e persoas que individual ou colectivamente están detrás del e que cada vez o achegan a máis xente nova para garantir o futuro”, asevera.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button