Elección galegas 18F - 2024EntrevistasPolíticaÚltima horaVídeos

Xosé Manuel Merelles: “Comprométome a que Valdeorras teña a voz e a presenza que lle corresponde no Parlamento galego”

Este rues, que ocupa o posto número 11 na lista do PP pola provincia de Ourense, estréase no mundo da política nestas eleccións galegas

 

Achegar a realidade valdeorresa ao Parlamento galego e á Xunta. Con ese obxectivo se presenta o rues Xosé Manuel Merelles ás eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro. Ocupa o posto 11 na lista do PP pola provincia de Ourense, no que está sendo ademais a súa primeira experiencia como candidato nunhas eleccións. Xornalista de profesión, ocupaba ata finais de xaneiro o cargo de director da Axencia de Turismo de Galicia.

¿Cal e a motivación que o leva a dar o paso á política e presentarse na lista do PP?

Levaba 25 anos da miña vida relacionado co turismo, coa promoción e a xestión turística de Galicia e no 2023 asumín a dirección de Turismo de Galicia e propuxéronme ir na candidatura do PP por Ourense-Valdeorras. E como valdeorrés que me sinto pois non o dubidei, creo que é un reto e penso que se podemos aportar algo a este territorio, pois benvido sexa.

¿Que obxectivos se marca no caso de acceder ao Parlamento galego?

Que o Parlamento de Galicia estea máis próximo á realidade valdeorresa, e por suposto, que a Xunta que saia, se gobernamos, estea moito máis cercana ao día a día e á ideosincrasia valdeorresa, non só aos problemas, senón que sexa unha Xunta que escoite máis as necesidades e as propias dinámicas da comarca.

¿Como están sendo estes días de campaña?

Penso que son dos días máis intensos da miña vida, e ademais é a miña primeira experiencia como candidato. Si que tiña experiencia en campañas porque na miña traxectoria profesional houbo épocas nas que traballei en partes políticas, pero sempre por detrás, non é o mesmo estar asesorando a políticos que ser ti o político e ir nunhas listas. A verdade é que o asumo con moita responsabilidade e, sobre todo, quero que a miña actuación durante a campaña sexa moi directa coa xente de Valdeorras. O que estou facendo é escoitar a todas as persoas que podo, porque a campaña dura 15 días, e o meu obxectivo é visitar os nove concellos que conforman a comarca e poder escoitar ao maior número de xente e colectivos.

 

Xosé Manuel Merelles, número 11 da lista do PP por Ourense, na entrevista concedida ao Periódico O SIL./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Que aspectos destacaría do programa do PP?

Sobre todo, que é un programa realista. O presidente Rueda antes de convocar as eleccións aprobou os orzamentos, isto quere dicir que cada acción que figura no programa, que son máis de 800, conta cunha asignación orzamentaria, é dicir, todo o que aparece no programa do PP vaise levar a cabo. Cada liña ten un orzamento asignado.

Seguindo o noso lema da campaña, que é “A Galicia que funciona”, Galicia ten que continuar funcionando cun goberno forte e cun goberno que xa ten experiencia en manexar os asuntos, os orzamentos e que coñece Galicia dun xeito moi profundo.

¿Que opina dos recursos turísticos de Valdeorras e da súa posta en valor?

É certo que nestes días observei que Valdeorras ten como dúas potencialidades, que son a industrial, xa que é das comarcas máis industrializadas da provincia tendo en conta a minería e outras industrias auxiliares dela ou doutro tipo, como a do automóbil; e por outra banda, posúe unha gran potencialidade turística na cal estamos empezando a crer colectivamente. A miña experiencia en turismo lévame a falar de marcas e Valdeorras pode ser unha marca turística dentro de Galicia, porque todo o que sexa atomizar os destinos non nos vai a axudar. E creo que por primeira vez Valdeorras está traballando de xeito colectivo para ser un destino moi importante. E digo isto porque agora mesmo Galicia xa é un destino maduro no sentido de que é a primeira vez que recibimos 7 millóns de visitantes, que se empezan a conseguir certos retos nos que se leva traballando tempo como é o da desestacionalización, é dicir, que comece a haber turistas ao longo de todo o ano ou que non estean tan concentrados nos meses de verán. Ademais estamos xa arredor do 30% de turismo estranxeiro e hai un despegue no gasto. Eses son os datos que nos fan pensar que o “tren turístico” de Valdeorras está a punto de chegar, metaforicamente falando.

Os recursos que posúe a comarca son únicos e son os que máis se poden demandar ao longo de todo o ano, como é a combinación de viño e gastronomía, tendo en conta que esa é a segunda motivación pola que a xente visita Galicia. Aí temos un gran potencial, e despois o turismo relacionado coa natureza, non hai que esquecer que temos un Macizo como é Trevinca, sorprendente, un parque natural como a Enciña da Lastra, que é probablemente o máis distinto dos seis que existen en Galicia pola súa paisaxe cárstica. E, por suposto, os recursos patrimonais.

 

Xosé Manuel Merelles./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Este conxunto de recursos teñen que poñerse en valor e penso que xa hai un xérmolo nese senso que é o Plan de Sostibilidade Turística, dotado con 1,5 millón de euros, e que vai marcar unha pauta. Por outra banda, os adegueiros teñen que crer no enoturismo e para iso hai liñas de axudas, unha delas agora mesmo de 5,5 millóns de euros, para que se poida vincular restaurantes con adegas, e no nivel no que está o godello sería absurdo non aproveitar ese recurso.

O desenvolvemento destas potencialidade turísticas de Valdeorras, xunto cos seus recursos industriais, penso que lle auguran un moi bo futuro á comarca, sempre que estean ben xestionados e ben apoiados por un goberno da Xunta de Galicia forte. Eu creo moito en Valdeorras.

Unha cuestión vinculada tamén ao turismo é a das vías de comunicación, ¿como valora a situación das infraestruturas na comarca?

Eu ao ano rompo tres parabrisas porque son un usuario da N-120 entón, o que podo dicir é que o goberno central ten abandonada a Valdeorras en canto a comunicacións viarias e ferroviarias. E iso si é un lastre moi importante, tanto para captar visitantes, como para captar posibles residentes, inversores ou emprendedores.

¿Que lle diría a un votante para apoiase  que a candidatura do PP?

Que confíen na Galicia que funciona e que confíen na experiencia dunha persoa que leva volcada ao servizo público toda a súa vida. Alfonso Rueda leva na xestión autonómica máis de 25 anos, eu teño traballado ao seu carón e paréceme unha persoa cunha capacidade excepcional para formar equipos e que ten demostrado unha boa xestión ao longo da súa traxectoria.

Por iso dar o apoio ao PP é confiar nunha xestión, na Galicia que funciona e para que Galicia e Valdeorras sigan avanzando. Ademais eu comprométome a que Valdeorras teña a voz e a presenza que lle corresponde no Parlamento galego e na Xunta.

Artigos relacionados

Back to top button