En portadaOurenseÚltima horaVídeos

Xosé Merelles, pregoeiro da Semana Santa de Castro Caldelas: “Esta vila sabe manter vivas as súas tradicións”

Así o dicía no acto do pregón, celebrado no mediodía deste Domingo de Ramos no Santuario dos Remedios

 

“Dende o corazón” iniciaba e remataba o seu pregón da Semana Santa en Castro Caldelas no mediodía deste Domingo de Ramos o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. No seu discurso durante a misa no Santuario dos Remedios referíase ao significado destes días de Semana Santa, ademais de poñer en valor o local, “Castro Caldelas é terra de xente traballadora e carácter aberto, ao final non só son os seus espazos, senón tamén as súas xentes. A veciñanza de Castro Caldelas sabe manter vivas as súas tradicións, adaptarse aos tempos sen perder a esencia, mirar ao futuro sen esquecer dende onde veñen”.

 

 

Comentaba que nesta vila consérvanse citas tradicionais como a procesión dos Caladiños e resaltaba o importante da súa autenticidade e “o valor conxunto dun patrimonio relixioso, ligado á vida da vila. E hoxe facemos tamén un exercicio de memoria e compromiso. Memoria para lembrar o camiño percorrido e compromiso para seguir coidando e transmitindo este legado á xeracións que veñen”.

 

 

Finalmente, Merelles aseguraba que “esta terra ourensá, esta Galicia de interior ten carácter e ten identidade”. E, nesta Semana Santa, “nestes días nos que o tempo parece deter o seu paso, esa identidade brilla con toda a súa forza. Castro Caldelas é máis Castro Caldelas ca nunca e isto convértese nun regalo para todos os que temos a sorte de estar aquí, de presencialo e compartilo. Son da Rúa si, pero hoxe neste lugar con vós síntome un pouco tamén de Castro Caldelas porque hai lugares que te acollen polo simple feito de deixarte entrar neles. Hai vilas que te fan sentir un máis polo simple feito de recibirte con esta calidez, confianza e xenerosidade que vos agradezo de corazón”.

 

 

 

Finalmente desexaba unha boa Semana Santa para os caldelaos. “Que cando remate quede en cada un de vós o recordo porque formades parte dalgo extraordinario, sodes unha vila especial, non só polo voso rico patrimonio senón pola xente que traballades para facer dela algo cada vez mellor”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button