ConcellosEn portadaÚltima hora

Xuntanza da Plataforma “Dereito ao Tren” coa veciñanza en Verín

 

Verín era, na tarde deste 16 de xuño, a terceira parada da axenda de reunións que a Plataforma Veciñal “Dereito ao Tren” están a manter coa cidadanía dos diversos concellos afectados pola supresión de frecuencias de alta velocidade na Estación Porta de Galicia da Gudiña.

Así os representantes desta plataforma, encabezados polo seu voceiro Rubén Riós, expoñían no Auditorio de Verín os seus obxectivos, o labor que están a facer e pedían o apoio e colaboración de todos para facer forza e poder así reverter a perda de servizos que se producía o 9 de xuño.

Ademais escoitaban as diversas opinións e suxerencias dos asistentes, entre os que había representantes políticos, ademais de cidadáns da zona e de lugares próximos como o veciño Portugal. Así unha moza de Chaves comentaba amosaba o seu apoio e solidariedade á plataforma. “Uso bastante a estación da Gudiña para viaxar a Madrid e vexo ridícula esta supresión, teñen que pensar que a estación é unha cuestión de interese público”, comentaba.

En diferentes intervencións incidíase na relevancia de que “todos esteamos unidos e no mesmo barco” e na necesidade de “todos os concellos poñan o seu gran de area nisto para poder conseguir reverter a situación”.

 

 

Outro dos asistentes plantexaba que outra iniciativa, á parte da demanda política como servizo público destes trens, é ir pola vía “do mercado, que se licite o ramal Madrid-Galicia para que liberalizalo, porque pode que a outras empresas si lle vexan interese, habería que presentar un plan de negocio”.

No decurso da xuntanza tamén se falaba de establecer contacto coa plataforma en defensa do tren creada en Sanabria, así como co norte de Portugal, algo que os representantes da plataforma xa teñen en mente.

Os presentes tamén agradeceron o labor, “esforzo e dedicación” dos mesmos da plataforma nesta iniciativa e animábanos a seguir neste proxecto reivindicativo. Ao remate da reunión recollíanse sinaturas de apoio ás demandas da plataforma.

A seguinte xuntanza informativa da plataforma está prevista para o 19 de xuño ás 20:30h. no Edificio Multiusos da Gudiña.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button