A VeigaConcellosEntroido 2026Última horaVídeos

Xuntanza de folións en Valdín para celebrar a tradición do Entroido

 

Hoxe, 10 de xaneiro, o pobo de Valdín, no concello da Veiga, convértese no escenario dunha destacada xuntanza de folións que reúne arredor de 70 persoas chegadas de distintos puntos de Galicia e Zamora.
Nesta celebración participan os folións Os Viticultores, de Vilamartín de Valdeorras; Penouta e Ramilo, de Viana do Bolo; e o folión As Tablillas, de Valdín (A Veiga) – Porto (Sanabria), que exerce como anfitrión do encontro.

 

 

Ao longo da xornada, os folións percorrerán as rúas do pobo facendo soar a tradicional música de Entroido, enchendo Valdín de ritmo, cor e tradición. A festa culminará cunha cea popular e unha celebración “ata que o corpo aguante”.

 

 

O folión As Tablillas representa a unión de dous pobos situados a ambos lados da fronteira administrativa entre Galicia e Zamora, nunha zona limítrofe coñecida precisamente como As Tablillas. Trátase dun enclave singular, no que se pode atopar unha lagoa glaciar e unha contorna natural espectacular, especialmente valorada para a observación das estrelas. Un espazo que simboliza que a cultura e as tradicións non entenden de fronteiras.

 

 

Esta xuntanza pon de manifesto a forza do folión como elemento de identidade compartida e como vínculo cultural entre territorios veciños, mantendo viva unha das tradicións máis emblemáticas do Entroido.

Texto: MPR

Fotos e vídeos cedidos.

 

Back to top button