A Casa da Cultura de Viana do Bolo acollía na tarde do 12 de setembro unha xuntanza dos Tecores afectados pola vaga de incendios forestais sufrida en agosto de cara a afrontar a situación actual e de futuro. Nela reuníanse máis de 230 persoas en representación 68 Tecores galegos, segundo os datos da Mesa Galega pola Caza.
O acto contaba coa asistencia de diferentes representantes políticos, entre eles a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, ademais da directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, a directora territorial da Consellería de Medio Ambiente en Ourense, María José Fernández; e o xefe de Servizo de Patrimonio Natural, Juan José Gómez, xunto con representantes de Asociación de Tecores de Galicia (Ategal), Fernando Rois, e da Mesa pola Caza.
No decurso da xuntanza, na que se expoñían as demandas destes colectivos, as representantes de Medio Rural e Medio Ambiente amosaban o seu apoio aos cazadores galegos e expoñían as axudas habilitadas. “Pronto haberá novidades importantes para o sector cinexético galego”, din dende a Mesa Galega pola Caza, que agradece a participación na xuntanza.
Fotos: Carlos G. Hervella.