Dende os cumes de Cabeza de Manzaneda botaba andar ás 11:30h. en punto deste domingo 28 de xullo o XV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas Memorial Gabino García de Manzaneda (fase final). O programa abríase coa tradicional cerimonia de izado de bandeiras, ao son do himno de Galicia, interpretado por integrantes de Ladies Band, das bandas de Quiroga e do Bolo.
Despois, tomaba a palabra o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, quen daba a benvida aos participantes e asistentes, agradecendo a súa presenza, e desexaba que a xornada resultase entretida. Tamén poñía en valor o traballo dos músicos e destacaba que o futuro deste tipo de manifestacións está na xente moza.
A partir de aí, a presentadora do evento, Montse Estévez, daba a coñecer aos membros do xurado do concurso (José Luis Aboal, Javier Pena, Dionisio Aboal, Laura Pena, Manuela Pardo e Jesús María Antúnez) e ía dando paso as bandas a concurso nos diferentes graos, comezando polo cuarto ás 11:40h. Nel actuaban a banda Concello do Bolo/ Preparatorio/ Quiroga e Manzaneda e a de Toxo Queimado de Baleira (Lugo). No terceiro grao participaban as bandas do Concello de Riós, San Pantaleón das Viñas (Ferrol).
A competición interrompíase coa saída do Folión de Buxán (O Bolo) en homenaxe a un dos seus membros xa falecidos, Severino Salgado. Despois, comezaba o campionato de bastón de mando e logo co de gaiteiros solistas.
O programa seguía coas actuacións das bandas de segundo grao (Ladies Band e Municipal de Chantada) e coas de primeiro grao (Agarimo de Catabois e Real Xuvenil). Finalmente, os actos completábanse coa ofrenda floral ante o monumento a Gabino García, quen fora alcalde de Manzaneda entre 1974 e 1995), mentres tocaba a Real Xuvenil, e coa entrega de premios, medallas, diplomas.
Os primeiros en recibilos eran os ganadores do Campionato de Bastón de Mando: Daniela Iglesias Vázquez na categoría de menos de 10 anos e Gabriel Pérez González na de máis de 10 anos. No campionato de gaiteiros solistas os campións eran Daniela Iglesas en menos de 10 anos, Lara Sotelo en máis de 10 anos e Pablo Pombo en máis de 18 anos.
No apartado de bandas, no primeiro grao a vencedora era a Real Xuvenil, quedando segunda Agarimo de Catabois; na segunda ganaba a Municipal de Chantada e era subcampioa Ladies Band; no terceiro grao a vitoria era para San Pantaleón das Viñas, despois quedaba Concello de Riós; e, finalmente, no cuarto grao impoñíase Toxo Queimado de Baleira, e tras ela, a do Concello do Bolo/Preparatorio e Quiroga e Manzaneda.
Os ganadores recibían os galardóns de mans das diferentes autoridades presentes, como eran o delegado da Xunta en Ourense, os alcaldes de Manzaneda, O Bolo, Quiroga, Riós, Castrelo de Miño, Parada de Sil, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río, que é ademais deputado provincial.
Despois o rexedor de Manzaneda pasáballe o testigo do certame ao alcalde de Quiroga, que acollerá este encontro musical o sábado de Pascua do 2025. O peche oficial poñíase coa interpretación conxunto do himno do antergo Reino de Galicia, por parte das bandas participantes.
A organización deste evento contaba coa colaboración das agrupacións de voluntarios de Protección Civil Manzaneda, Petín, A Rúa e O Barco.
Fotos: O SIL.


