
Esta mañá tiña lugar a presentación da primeira fase do XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas ‘Memorial Muíño’, que se celebra o día 19 de abril no marco da Feira do Viño de Quiroga. A competición está promovida polo Concello de Quiroga e por Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, co apoio da Xunta, que presentan a xornada como unha homenaxe póstuma a Hilario García Ceballos, gaiteiro da banda Fuentesnuevas, de Ponferrada (León), falecido o pasado ano. O acto contaba coa presenza do alcalde quirogués, José Luis Rivera, e de Foxo, así como do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Precisamente a banda ponferradina será a única agrupación non galega que asistirá ao certame na presente edición. Estará acompañada no cartel por seis bandas ourensás, dúas da Coruña e catro de Lugo. As representantes da provincia serán as de Chantada, Val de Lemos, Falcatrueiros de Monterroso e Toxo Queimado de Baleira.