CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

XXIII Xuntanza da Asociación de Antigos Alumnos de Santa Leonor en Trives

No seu decurso celebrábase o 25 aniversario da entidade e rendíaselle unha pequena homenaxe ao sacerdote e poeta Pablo Pérez, membro da entidade xa falecido

 

Coas amizades da nenez e xuventude, coas lembranzas de xogos compartidos, as clases, as anécdotas con algún profesor reencontrábanse neste 9 de agostos os antigos alumnos do Colexio Santa Leonor de Trives. Mantendo a súa data habitual, o segundo sábado de agosto, a Asociación de Antigos Alumnos do Colexio Santa Leonor-Virxe da Luz de Trives celebraba neste sábado a súa xuntanza anual, que se iniciaba hai xa máis de dúas décadas. Nesta cita participaban preto de 90 persoas

O encontro comezaba ás once da mañá cunha celebración relixiosa oficiada polo padre Carlos, párroco de Manzaneda, na antiga capela do centro escolar. De seguido, tiña lugar a asemblea anual da asociación, que preside Berardo Araújo. Nela, entre outros puntos, aprobábase nomear vicepresidente da entidade a Félix García Pascual.

 

Berardo Araújo, presidente da asociación.

 

Ao remate da asemblea, os participantes dirixíanse realizaban un percorrido pola vila e, ás 14h. compartían un xantar no Restaurante La Viuda, no que participaban unhas 110 persoas, chegadas de puntos tan distantes como Nova York ou diferentes partes de Cataluña.

 

 

Durante a comida rendíaselle unha sentida homenaxe a Pablo Pérez, sacerdote e escritor trivés membro da asociación xa falecido. Un cantautor, Alfredo González Vilela, musicaba catro dos poemas deste antigo alumno de Santa Leonor e interpretábaos ante os asistentes. Os poemas pertencían a “Sementeira de Soños”. O primeiro deles era “Notas perdidas”. Era presentado polo irmán de Pablo Pérez, Pedro.

 

 

Ademais, o vicepresidente Félix García, lembraba as orixes desta asociación, hai 25 anos. “É moi importante resaltar que falamos de 1999/2000, cando seu fundou a asociación, neste cuarto de século tivemos momentos moi importantes, fixemos uns estatutos, regularizamos unha directiva”, lembrando ademais os presidentes que estiveron á fronte da asociación, o primeiro deles era el mesmo, ademais de Álvaro Cortizo e Berardo Araújo. Recordaba ademais como se celebraba o centenario da fundación do colexio.

“Tivemos moitos cambios de sedes, o importante é contar cun local onde ter os nosos recordos e tamén contar cos socios, contamos con vós. Non queremos deixar morrer unha idea moi bonita e que nos une a todos”, concluía Félix García.

 

 

Despois desfrutaban dun xantar con multitude de saborosos pratos, no seu decurso volvía actuar o citado cantautor. “Este ano o encontro foi un éxito total, a xente saíu encantada”, valoraba ao remate da xuntanza o presidente da asociación.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás as cinco primeiras da galería que son cedidas.

Vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button