EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

XXVII Festa das Covas de Vilamartín, o 2 de agosto

O limiar será "A Pequena", unha celebración para os coveiros que incluirá a lectura do pregón a cargo de Cristina de la Torre e Carina Rodríguez

Dous visitantes desfrutando do viño nunha das covas da festa, xunto a un coveiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Conta atrás para a Festa das Covas de Vilamartín, unha multitudinaria celebración que converte estas antigas adegas subterráneas en escenario dunha convivencia na que se exalta o viño e a gastronomía nun ambiente único. A cita, que cumpre a súa 27ª edición, será o sábado 2 de agosto a partir das 20:30h. Neste circuíto, que mestura festa e tradición, participarán medio cento de adegas distribuídas polas rúas O Mazo, Os Barreiros, Mirador, Justino Ferrandiz, O Valadal, O Caño e A Reza. Como en anos anteriores, para facilitar a chegada de público a Vilamartín a organización establecerá un servizo de autobuses con saídas dende A Rúa ás 19:40h. e dende O Barco ás 20h., e con regreso ás 3h.
As entradas xa poden adquirise a través de internet a un prezo de 18 euros (https://vivetix.com/es/entradas-xxvii-festa-das-covas-l4eq?s=whatsapp#/swrr4zuEh92), ou ben o mesmo día da festa, o 2 de agosto, nas 2 entradas ao recinto das covas, por 20 euros.

Ao inicio do percorrido cada participante recibirá unha cunca e un pano conmemorativo (que muda de cor cada ano) co que poderá visitar o interior das covas, degustar os seus viños (brancos e tintos) e saborear diferentes propostas gastronómicas en cada unha delas. “Coa entrada entregarase un pano, unha cunca de barro e unha pulseira para control de acceso. Coa entrada accedes a todas as covas do percorrido onde podes degustar distintos petiscos e sobremesa así como ás bebidas de cada cova”, din dende a organización.

 

 

Non faltará tampouco a música, con grupos que percorrerán as diferentes zonas. Ademais é habitual que algúns dos participantes acudan con diversos instrumentos musicais, creando dese xeito un ambiente festivo moi especial que engancha a quen o proba.

 

 

Esta ruta constitúe unha oportunidade para descubrir o engado destas antigas adegas escavadas séculos atrás baixo terra. Ao longo do ano o viño repousa en silencio nelas, a escuras e cunha temperatura constante. Son multitude as existentes na vila de Vilamartín (se ben tamén poden atoparse noutros puntos do municipio, pero con certas peculiaridades) e debuxan un sorprendente entramado de galerías no subsolo desta localidade.

O único día do ano no que estes auténticos santuarios do viño descubren os seus segredos ao público en xeral é nesta Festa das Covas, na que quen proba, sempre repite.

 

 

 

Arredor da medianoite as covas irán pechando as súas portas e a festa mudará de escenario para trasladarse a outra zona de Vilamartín. A partir das 00:00h. haberá festa coa macrodIsco Radikal no recinto anexo.

Esta Festa das Covas será organizada pola Asociación de Coveiros de Vilamartín en colaboración co Concello. Tamén nesta edición terá como limiar, mantendo a tradición, a chamada ruta Pequena, pensada para o desfrute dos coveiros, na tarde e noite do 1 de agosto.

 

Participantes na Pequena mercando as entradas./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“A Pequena” en Cerdeirais e con dúas pregoeiras

O limiar da Festa da Covas de Vilamartín será, un ano máis “A Pequena”, unha celebración pensada para o desfrute dos coveiros que ao día seguinte abrirán as súas adegas ao público. Desta volta esta ruta será na tardiña do 1 de agosto e a festa, que acostuma desenvolverse no barrio de Cerdeirais, incluirá tamén o acto do pregón. Nesta ocasión e, por primeira vez, dúas serán as pregoeiras da festa: a arquitecta técnica e artista Carina Rodríguez e a produtora e creadora de contidos audiovisuais Cristina de la Torre. Ambas son ruesas e, cada unha no seu eido, está a traballar nun proxecto de posta en valor das covas valdeorresas.

Despois do acto do pregón, normalmente faise unha homenaxe aos coveiros e, ás 21h. darase paso á apertura das covas, nun ambiente marcado pola música.

 

Cristina de la Torre e Carina Rodríguez, pregoeiras desta edición da festa./ Foto: Mónica G. Bellver.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button