En portadaÚltima hora

XXX Festa da Castaña e do Cogomelo no Riós, cita coa tradicióin e cos sabores do outono

Numerosas persoas participaban nesta celebración que incluía unha mostra de produtos locais gastronómicos, artesanía, degustaciónse un xantar popular, entre outras actividades

 

Riós rendía tributo neste domingo 2 de novembro a dous produtos emblemáticos do outono na montañá ourensá: a castaña e os cogomelos. Multitude de persoas visitaba ao longo desta xornada marcada pola tradición, a gastronomía e a celebración os postos da mostra da XXX Festa da Castaña e do Cogomelo nesta localidade, unha das múltiples actividades do programa. Entre os expositores non faltaban os produtores de diversos produtos gastronómicos, pero tampouco os artesáns.

Ademais podía visitarse unha mostra na que se poñía en valor a castaña como produto elaborado, amosando a súa gran versatilidade: dende fariñas a doces, pasando por cervexas e mesmo un viño de castaña. Era unha exposición de Anabel Dacosta titulada “Produtos elaborados con castaña”.

 

 

A partir das 12h. tiña lugar a recepción de autoridades, cun pasarrúas e actuación da Banda de Gaitas do Concello de Riós. Entre os asistentes estaban a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; xunto co delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo; o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o director xeral de Comercio, Gabriel Alén; o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; ou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; entre outras autoridades como alcaldes da provincia. Todos eles eran recibidos e estaban acompañados pola alcaldesa de Riós, Eva Barrio.

Neste evento, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacaba o liderado de Galicia na produción de castaña a nivel nacional, ao ser a principal rexión produtora e exportadora do país. Ademais, na comunidade prodúcense máis da metade de todas as castañas do país e as empresas galegas, tanto de primeira como de segunda transformación, compiten a nivel internacional.

 

 

A conselleira do Medio Rural destacou, neste marco, que esta festa é unha “ocasión perfecta” para poñer en valor estes produtos típicos. Asemade, agradeceu o traballo desenvolvido polo Concello de Riós por levar 30 anos impulsando esta iniciativa, que inclúe un programa de actividades culturais e gastronómicas, así como a presenza de produtores que comercializan as súas elaboracións.

 

 

A partir das 13h. tiña lugar unha demostración de produtos típicos, entre eles castañas asadas, e tamén se podían visitar os postos das pulpeiras a prezos populares.

Xa a partir das 14:30h. dábase paso ao xantar popular e festa, amenizado pola Charanga Támega. O prezo das entradas era de 22 euros. Pola tarde tiña lugar a actuación do grupo The Teta’s Van na praza.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button