Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Yasmina Castro e Alejandro Maior vencen nun IX Trail Ribeira Sacra marcado pola calor

 

Ás 8h. da mañá deste domingo 12 de outubro comezaba na localidade de Luíntra (Nogueira de Ramuín) a novena edición de Trail Ribeira Sacra. Era xornada marcada pola calor que acompañaba aos participantes ao longo de todo o día.

Un total de 383 corredores tomaban a saída para afrontar 48 quilómetros e máis de 3.450 metros de desnivel positivo, por sendas que atravesan puntos emblemáticos como o Castro de Moura, os miradoiros da Lampa e Pé do Home, o Mosteiro de Santo Estevo e outros recunchos de extraordinaria beleza.

A cita, xa afianzada no calendario nacional e internacional de trail, congregaba a corredores de diversidade de países. Os favoritos no cadro masculino impoñían un alto ritmo desde o inicio marcando tempos de paso por baixo do récord do circuíto, establecido en 2024 por Jesús Gil.

Pakito Alonso liderou a cabeza de carreira ata momentos antes de chegar ao km 30 no avituallamiento de Pe do Home, lugar no que Alejandro Maior aproveitou o terreo favorable para poñerse en primeira posición.

Posición que non abandonaría para proclamarse vencedor, batendo o récord do circuíto e levándose 600 € de premio económico por isto último, cun tempo de 5 horas 8 minutos e 3 segundos.

Por detrás chegaría Pakito Alonso cun tempo de 5 horas 21 minutos e 11 segundos; e pechou o podium Lucas Hernández (Atletas Veteranos Salamanca) cun tempo de 5 horas 32 minutos e 27 segundos.

En categoría feminina, Yasmina Castro (Club Deportivo Oso Canarias Cultural) sería a dominadora de toda a proba e lograba o triplete parando o reloxo na praza de Luíntra cun tempo de 6 horas 25 minutos e 20 segundos; alzándose así co seu triplete en TRS.

Por detrás entrarían Carolina Niño (Club Trail Toxos e Birras; 6 horas 31 minutos e 45 segundos) e Rosa María Araújo (Club Running Sport Trail; 7 horas 5 minutos e 58 segundos).

En categoría veteranos o podium foi o seguinte:

VETERANOS MASCULINOS:
1.- Iván Redondo Vidal.
2.-Xosé María Rodriguez Fernández.
3.-Víctor Maneiro Freire.

VETERANAS FEMININAS:
1.-Carolina Niño.
2.-Rosa María Bayon Valentín
3.-Teresa Dieste Vilas.

A xornada remataba coa “GastroExperienciaTRS”, na que os corredores e acompañantes puideron gozar dos manxares da terra, como Polbo acompañado de patacas de Galicia, fabas de Lourenzá, empanada, crema de marrón glacé Cuevas, xamón e embutidos Torre de Nuñez, Patacas fritas Guays, empanada galega e bicas artesás, empanada vegana, soia estilo zorza galega ademais de varias DOP como queixo San Simón da Costa e queixo tetilla Lorán, Marmelada Artesanía Alimentaria Nela Gourmet, IXP Pan de Cea e viño DO Ribeira Sacra.

Fotos: Matías Novo.

Back to top button