Despois dunha longa xuntanza na que escoitaba aos alcaldes de diferentes concellos do oriente ourensán afectados polos graves incendios forestais de agosto e tamén coa veciñanza en San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras), a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, recoñecía o labor dos equipos de extinción, pero sobre todo, o esforzo colectivo da veciña para loitar fronte ao lume.
“Simplemente dar as grazas as persoas que penso que son as máis importantes, que aos veciños, representados aquí polos diferentes alcaldes e alcaldesas. Puidemos ver como a propia veciñanza é a que salva ás veces non só territorio, senón as súas vidas e as súas casas, eu quero darlles ás grazas á veciñanza, e aos equipos de extinción de todo tipo, pero a veciñanza tamén”, destacaba.
Yolanda Díaz referíase ademais á importancia de contar coa veciñanza á hora de establecer actuacións por parte das administracións, “á cooperación, á participación cidadá no deseño de moitas políticas públicas, dá igual que sexan da Xunta, que do Estado, pero é clave que teñamos esa sensibilidade de coñecer o territorio ben para poder deseñar moitas veces ben as políticas públicas que definimos”.
Tamén resaltaba o labor dos alcaldes e alcaldesas que, “nun exemplo de cooperación institucional estanse dando a man para traballar e evitar o que desgraciadamente de novo tivemos que vivir este verán. O que temos que facer coido que xa está definido, é deixar as liortas de todo tipo a un lado e poñerse a traballar”.
Neste senso, aludía aos problemas que agora existen nos territorios afectados pola vaga de lumes, como é o caso de Vilamartín, ao que poñía como exemplo. “Podemos ver o que está a pasar, hoxe non ten auga, e non só iso xera graves problemas, tamén xera un problema de saúde pública e temos que actuar rapidamente”.
Neste senso incidía na importancia do labor de restauración tras os lumes, comentando como se actuou nesa mesma liña noutros territorios tras emerxencias como o volcán das Palmas ou a DINA en Valcencia.
Yolanda Díaz avogaba tamén por actuar de cara o futuro con “políticas múltiples. É necesaria unha política preventiva ao longo de 12 meses ao ano, accións que non teñen que estar en mans privadas, e ter a formación acaída. Pero tamén sabemos que debemos ter unha política preventiva de coidado dos montes, do rural, e a prevención no monte non é só desbrozar, senón tamén ter en conta as características dos novos lumes, das vagas de lumes, con pistas que seguramente teremos que mudar nos anchos para acomodalos á realidade da virulencia dos lumes. E isto xunto con elementos claves, como actuar nas identificacións das fincas e moitas cousas máis”.
E, para levar iso adiante, sinalaba a relevancia da cooperación entre institucións. “A diágnose do que hai que facer témola, e agora o que pediría é que todas as administracións nos deamos a man tamén para evitar que esta desgraza volva a pasar en Galicia e no conxunto do país. Grazas aos alcaldes e alcaldesas que están aquí defendendo o ben común. A política útil é esta e o resto penso que son cousas que non lle interesan a ninguén”, concluía.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.