
O gran premio foi concedido a Yun Ping Li polo proxecto 回家 (Huí Jiā, Volver a casa), que aborda o tránsito do artista cara a unha identidade masculina ao mesmo tempo que procura unha reconexión coas raíces chinesas das que foi separado ao nacer. O xurado subliñou a profundidade conceptual do proxecto, a pertinencia no contexto político actual, así como a sensibilidade e diversidade de linguaxes empregadas para articular unha narrativa íntima e universal. A exposición poderase visitar xa en decembro na Sala de San Marcos, sede da Deputación Provincial de Lugo, e logo darase inicio ao proceso de edición e publicación do libro.
A XIII edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea reuniu un total de 226 proxectos presentados por 207 artistas de 39 países, consolidándose unha vez máis como a cita máis relevante da fotografía contemporánea internacional no contexto galego.

O xurado desta edición, formado por Xosé Manuel Buxán Bran, decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e curador; Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo; Eva Torres, directora da rede de Espazos expositivos Municipais de Ourense; Alexandre Souto, director do Instituto de Produção Cultural e Imagem; Xavier Riomao, artista, profesor da Universidade de e director da Sala Alterarte; Daniel Moreira e Rita Castro Neves, artistas e curadores; e os coordinadores do Premio Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación OF-Outono Fotográfico e Vítor Nieves, director artístico dos Encontros da Imagem; destacou a calidade, diversidade e compromiso conceptual das propostas recibidas.
En paralelo, a organización do Premio concedeu por primeira vez o Premio da Organización, grazas ao apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense. O proxecto seleccionado foi Melting Glaciers da artista Cinzia N. Rojas, que destacou pola súa profundidade conceptual, sensibilidade estética e pertinencia temática nun contexto global marcado pola crise climática. O traballo será exposto na Sala Alterarte do Campus de Ourense en novembro do próximo ano e contará coa publicación dun caderno monográfico.

Xunto aos proxectos gañadores, o xurado seleccionou como finalistas os traballos de Javier Clemente, Uschi Groos, Vicky Martin, Vítor Miranda e Hiro Tanaka, recoñecendo o seu valor artístico e a calidade das propostas presentadas.
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea conta co apoio institucional da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Campus de Ourense e coa colaboración de diversas institucións culturais que permiten consolidar a proxección internacional desta cita anual.
