
Cen anos de encontros futbolísticos e máis de cincuenta como federado, definen a traxectoria do CD Viana plasmada no libro do escritor vianés Jesús Salgado.
C.D. Viana, 100 años de leyenda é un libro dedicado a plasmar a traxectoria futbolística do actual club que empezou a darlle ao balón antes de 1925 co sonoro nome de Sparta F.C. e acabou federándose en 1974 como CD Viana, co obxectivo principal de dala a coñecer pero, “sobre todo pretende ser unha homenaxe aos que foron e son os protagonistas, que á fin e ao cabo fixeron e fan posible esta historia”, puntualiza o autor.

Tal como explica o propio Salgado, trátase dun traballo de investigación que pretende traer á actualidade e recuperar do esquecemento aos pioneiros e proxectar cara ao futuro as raíces consolidadas deste deporte en Viana do Bolo. “É a historia, podemos dicir secular, de Terras de Viana, a través dun deporte que marcou a vida dos vianeses”. Durante todos estes anos, sostén, “pasaron polo equipo adestradores, directivos e centos de xogadores, cuxas traxectorias recollemos á vez que agradecemos aquí o seu esforzo e abnegada dedicación”.
Esta publicación decribe a historia de Viana do Bolo nunha das súas dimensións menos coñecidas, a deportiva, neste caso a través do fútbol. “Ao longo destes cen últimos anos queda moi ben reflectida unha faceta da sociedade vianesa que incorporou progresivamente a figura dun deporte inglés, que trouxeron os traballadores vianeses nas minas de Rio Tinto e acabou nestas terras facendo honra á moi esquecida intelixencia dos pés”, di Salgado, concluíndo que “o balompé foi, e segue sendo, un revulsivo que causou furor e ségueo causando entre as multitudes, sen distinción de fronteiras”.