
A cabeza de lista do BNG por Ourense ao Congreso, Noa Presas, votaba esta mañá no centro da cidade de Ourense acompañada de militantes e simpatizantes da organización nacionalista e animando a participar nesta xornada electoral e subliñou a importancia de exercer o dereito a voto. Presas agradeceu ás persoas que están constituíndo as mesas electorais e agarda que sexa unha xornada sen incidentes.
Presas realizou un agradecemento expreso “a toda esa xente que está constituíndo os colexios electorais e que empregarán o seu domingo nunha xornada maratoniana”. Un traballo, enfatizou a candidata do BNG, moi importante para facilitar que todos os veciños e veciñas poidamos votar.

A cabeza de lista do BNG por Ourense animou a votar a toda a cidadanía e exercer o seu dereito a voto, que cualificou como “algo moi importante, sobre todo que nolo digan ás mulleres que tardamos centos de anos en conseguir algo que xa tiñan os homes”.
“Animo a todo o mundo a que exerza libremente ese dereito a voto, pensando no que é mellor para os seus intereses, para as maiorías sociais e o mellor para facer valer Ourense e Galiza”, subliñou.
Fotos cedidas.