
O vindeiro sábado, 23 de novembro, Celanova renderá homenaxe ás mulleres que sufriron represión no cárcere durante a guerra civil. Ás 13,00 horas, descobrirase unha placa na fachada do edificio dos xulgados, que albergou a prisión feminina entre xullo do 36 e abril do 38. Honraranse os nomes de 99 mulleres (e cinco crianzas) que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova documentou nos arquivos, e 1 máis da que hai memoria familiar certa do seu paso pola cadea.
A lista cos nomes de todas aquelas mulleres que, coa información dispoñíbel, foi posíbel documentar até agora, é pública desde hoxe na seguinte ligazón (e figura no anexo a esta nota):
https://memoriacelanova.fala.gal/2024/11/19/as-mulleres-do-carcere-feminino-de-celanova/
Nos actos, que comezarán ás 11,00 horas na Casa do Concello coas conferencias dos historiadores Rosa Cid Galante e Julio Prada, participarán as familias de María Gómez Del Valle e Salud Torres Díaz -asasinadas en outubro de 1937 despois do seu paso pola prisión de Celanova e tamén da de Bande-. Ademais, Rochi Nóvoa lerá o poema do que se seleccionaron os versos que figurarán na placa do lugar, sinalado como Lugar de Memoria.
A presidenta do Comité, Celia Inés Feijóo Soto, e a concelleira de Igualdade de Celanova, Teresa Barge Dapía, e o alcalde, Antonio Puga, tomarán tamén a palabra para reafirmar o compromiso da sociedade civil e da institución municipal coa memoria histórica, que ten avanzado moito nestes últimos anos, mais que aínda precisa de maiores esforzos.