
A prestixiosa Guía de Viños, Augardentes e Destilados de Galicia, editada polos recoñecidos sumilleres Luis e Alejandro Paadín (pai e fillo), acredita na súa edición de 2025 ata 174 viños da D.O. Valdeorras cos seus diferentes selos. Neste sentido, 27 referencias valdeorresas acadan o marchamo Gran Ouro; 44 reciben a distinción Ouro +; 77, a de Ouro e 26, a de Prata.
O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Marcos Prada, reivindica a “relevancia desta guía dentro do sector vitivinícola galego” polo seu “acreditado prestixio editorial” tras a visita que os editores da publicación, Luis e Alejandro Paadín, realizaron hoxe ás dependencias do organismo en Vilamartín de Valdeorras onde foron recibidos por técnicos do Consello.
Mapas de cada D.O.
A edición de 2025 da publicación, da que xa se editaron 27.500 exemplares, contén 560 páxinas a toda cor e distingue preto de 2.000 referencias de viños e destilados de toda Galicia, procedentes de máis de 500 bodegas e empresas comercializadoras.
A “Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia 2025”, exenta de publicidade e con máis de 2.000 referencias, inclúe tamén mapas climáticos e pluviométricos de cada territorio amparado galego, así como outros de carácter litolóxico e de releve das diferentes denominacións de orixe vitivinícolas da comunidade. Tamén contén un histórico de medallas e os viños catados tamén inclúen a orixe da uva en base a tres niveis: Zona/Rexión-Concello/Parroquia-Parcela, así como buscador de viños por REN.
Na presente edición da publicación, editada por Paadín.es, os viños distinguidos co máximo selo de calidade -Gran Ouro- dentro da D.O. Valdeorras son os seguintes:
BRANCOS
- 200 Cestos de A Coroa 2022
- A Traba 2023
- As Sortes Val do Bibei 2022
- Avancia 2021
- Avancia Nobleza 2022
- Brinde Reserva 2014 Brut (Escumoso)
- Casal Novo Malladín 2023
- Codos de Larouco 2022
- Finca Trasdairelas 2023
- Godeval 1986 2019
- Godeval Revival 2022
- Guitián +50 Meses 2019
- Luar do Sil Sobre Lías 2022
- Regueirón 2022
- Sorte Antiga 2022
- Sorte O Soro 2022
- Tostado de Seadur 2021 (Tostado)
- Vibar 2022
- Viñaredo A Cercada 2023
TINTOS
- A Coroa Ladeira Vella 2020
- A Vileira As Ermitas 2022
- Alán de Val Castes Nobres 2021
- Casal Novo Merenzao 2022
- Lagar do Cigur Crianza Selección Mary Ginzo 2015
- Taté 2021
- Traste 2019
- Vella da Chaira do Ramiriño 2022