Chandrexa de QueixaConcellosÚltima hora

50.000€ para a restauración de elementos patrimoniais en Requeixo (Chandrexa de Queixa), dentro da Rede Natura 2000

 

Na mañá deste martes 28 de xullo, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitaba as actuacións levadas a cabo na aldea de Requeixo, no Concello de Chandrexa de Queixa, no marco das axudas que concede a Xunta de Galicia para apoiar os municipios na conservación e posta en valor do seu patrimonio natural.

No caso concreto da aldea de Requeixo, a Xunta financiou dúas actuacións: o acondicionamento da fonte, lavadoiro e bebedoiro cunha axuda de 20.000 euros; e a rehabilitación do forno e a súa contorna, cun investimento de 30.000 euros. “A través destes traballos rehabilitáronse estes elementos tradicionais, mellorouse o seu estado de conservación e garantiuse a súa funcionalidade e integración na contorna”, explican dende Medio Ambiente.

 

 

Segundo dixo a conselleira, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, a recuperación deste patrimonio tradicional “contribúe tamén á conservación dos valores ambientais da Rede Natura 2000”, na que está incluído o concello de Chandrexa de Queixa.

A maiores, Ángeles Vázquez engadiu que “esta preservación de elementos tradicionais favorece tamén un uso sostible do territorio e reforza tanto o atractivo turístico do concello como a calidade de vida da veciñanza ao recuperar espazos públicos de esparexemento”.

Back to top button