
O vindeiro 5 de xuño, o ceo da cidade Ourense terá uns gardiáns moi especiais. Un batallón de 500 escolares do colexio Salesianos darase cita na Ponte Romana para poñer en valor a presenza dos cirrios (Apus apus) na nosa cidade.
A actividade, que se desenvolverá entre as 9:15h e as 10:30h, busca concienciar aos máis novos sobre a incrible fazaña biolóxica destes paxaros, capaces de viaxar máis de 7.000 quilómetros dende África e pasar ata 10 meses voando sen posarse nin unha soa vez.
Un compromiso coa biodiversidade urbana
Durante o evento, os escolares lerán un manifesto onde se comprometen a protexer os niños e a biodiversidade de Ourense. “Queremos que o alumnado entenda que estes paxaros son auténticos insecticidas naturais, que consomen ata 5.000 insectos ao día, e que as pedras vellas da nosa ponte son o seu fogar”, din dende a organización.
A xornada conta co apoio de Naturezaula e Ecoloxistas en Acción, “nun esforzo conxunto por fomentar o respecto pola fauna silvestre dende a escola. Xuntas traballamos para que a nosa cidade sexa un lugar mellor para a biodiversidade”, indica a Asociación Amigas das Cegoñas.